As formacións políticas perfilan as candidaturas locais

A carreira electoral das eleccións municipais está en marcha. A propia axenda dos principais lideres políticos da Galiza nas últimas semanas vén marcada polos comicios locais de maio de 2023. Neste contexto, as formacións políticas apuran a elección das cabezas de candidatura e a redacción dos programas.
Alfonso Rueda, Ana Pontón e Valentín Formoso. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e Valentín Formoso. (Fotos: Europa Press)

O recén elixido presidente da Xunta e dos populares galegos, Alfonso Rueda, vén de anunciar que o seu partido escollerá antes das vacacións do verán os sete cabezas de lista das cidades galegas. Os resultados das eleccións locais de 2019, que deixaron os populares fóra da Alcaldía das principais urbes da Galiza, adiantan unha profunda renovación nas candidaturas, até o punto de darse por feito que só dous dos cabezas de lista do PP en 2019 repetirá nas listas de maio de 2023.

O PP, sen cidades

Marta Fernández-Tapias, após imporse á Javier Guerra na loita polo control  do partido en Vigo está chamada a liderar a lista. Miguel Lorenzo e Borja Verea encabezarán as da Coruña e Compostela, respectivamente, tras un proceso non exento de tensións. Rey Varela gaña forza como candidato en Ferrol e Rafa Dominguez xa está confirmado para repetir en Pontevedra.

Manuel Cabezas, unha vez liberado dos procesos xudiciais por corrupción urbanística, pode ser cabeza de cartel en Ourense. Fica Lugo á espera de elixir candidato, unha vez que Ramón Carballo vén de dar un paso atrás e a presidenta provincial do partido e ex alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, non descarta liderar a candidatura da cidade.

Continuidade de liderados no BNG e PSdeG

O BNG optaría pola continuidade dos seus liderados. Así, dá por segura a presenza de Miguel Anxo Fernández Lores á fronte da candidatura en Pontevedra así como de Rubén Arroxo en Lugo, que tamén ocupa nesta lexislatura responsabilidades de Goberno en coalición co PSdeG.

Francisco Jorquera na Coruña, Goretti Sanmartín en Compostela, Iván Rivas en Ferrol, Xabier Pérez Igrexas en Vigo  e Luís Seara aparecen, tamén como fixos para contunuar á fronte do BNG nas cidades. Neste sentido, as fontes da organización consultadas por Nós Diario lembran que "hai catro anos xa se produciu unha fonda renovación nos cabezas de cartaz".

A continuidade manda tamén no PSdeG. A este respecto, asúmese que os actuais alcaldes socialistas repetirán candidatura o vindeiro ano, manténdose Abel Caballero en Vigo, Xosé Sánchez Bugallo en Compostela, Inés Rey na Coruña, Ángel Mato en  Ferrol e Lara Méndez en Lugo.

As cousas non están tan claras en Pontevedra, onde ao actual voceiro, Tino Fernández, saíulle un competidor no grupo municipal, o antigo alcalde de Fene, Iván Puentes. A situación é semellante en Ourense, tras perder Rafael Villarino o control da agrupación local do partido, sendo cuestionado o seu nome por unha parte da afiliación da cidade.

As candidaturas herdeiras das mareas apuran os prazos na Coruña, Compostela, Ferrol e Vigo. Mentres a Marea Atlántica (A Coruña) xa adiantou que haberá unha renovación total da lista, en Compostela Aberta dáse por segura a candidatura de Marta Lois. Fica por aclarar o papel de Rubén Pérez Correa, que encabezou a lista de Marea de Vigo, e a do ex alcalde Jorge Suárez (Ferrol en Común).

Comentarios