Paula Prado di que o PP "non ten teito" na Galiza e augura un "magnífico resultado" nas municipais de 2023

O PP galego presenta "313 obxectivos" para alcanzar "un magnífico resultado o 28 de maio de 2023" nas eleccións locais.

Paula Prado, viceportavoz parlamentar do PPdeG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paula Prado (Foto: Nós Diario).

O PP da Galiza lanzou en redes sociais a campaña #1proxecto313obxectivos, como punto de partida para ter "un magnífico resultado" nas eleccións municipais do próximo ano.

Así, a secretaria xeral, Paula Prado, pedíu aos seus compañeiros do partido, a través dun vídeo, que "se fagan á idea" de que quedan 365 días para os comicios locais e que "cada día ten que ser un exame" para alcanzar "un magnífico resultado o 28 de maio de 2023".

"Sentimos que a Galiza segue confiando en nós após un proceso de cambio e cun novo presidente

Prado destacou que o PP ten "313 obxectivos" e que os alcanzarán "cos mellores candidatos, cos mellores equipos e cun proxecto común". "Na noite electoral esperamos ter 313 boas noticias", remarcou, en referencia ao mesmo número de concellos galegos.

Así, despois da realizacion esta sexta feira do primeiro Comité Executivo tras o Congreso autonómico, Paula Prado sinalou que a súa formación representa "a moderación, a estabilidade e a unidade" que, ao seu xuízo, "piden os galegos".

"Sentimos que a Galiza segue confiando en nós após un proceso de cambio e cun novo presidente. O Partido Popular segue sendo o partido que máis se parece a Galiza e somos o único que ten os pés na terra", subliñou.

Neste sentido, a secretaria xeral mostrouse "ilusionada" coa "nova etapa do Camiño" que, continuou, "ten a meta nas municipais", nas que augura que o PP galego "sairá lanzado a por a quinta maioría absoluta na Xunta" e engadiu que o seu partido "non ten teito".

Comentarios