Formoso pon "toda a súa enerxía" nas municipais para "volver presidir a Xunta"

O líder dos socialistas galegos pediulle a Alfonso Rueda que se "poña a traballar dunha vez".
O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional Galego da formación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O líder do PSdeG, Valentín González Formoso, no Comité Nacional Galego da formación. (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou este sábado nun encontro na carballeira de Santa Minia, en Brión, con socialistas da comarca de Compostela aos que instou a pór "toda a súa enerxía" na preparación das eleccións municipais que terán lugar en 2023 como antesala para "volver presidir a Xunta".

Así, segundo destacou o PSdeG nunha nota de prensa, o necesario é "estar na rúa, escoitar os veciños" e a "actuar sen complexos". "Non podemos perder nin un minuto", manifestan.

Neste sentido, Formoso sinalou que nun momento de "grandes dúbidas e incertezas" pola guerra de Ucraína e o encarecemento da enerxía e os combustibles, os alcaldes socialistas "son parte da solución" para "levantar o país" e que "ninguén quede atrás".

"Goberno sucedáneo"

Por outra parte, González Formoso pediulle ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que, "unha vez finalizados os prolongados festexos da súa sucesión", se poña a traballar "dunha vez" nas decisións que "hai que tomar para evitar que o país se pare e continúe perdendo dinamismo económico, laboral e social".

Ademais, dixo ter "moitas dúbidas" de que Rueda estea no camiño correcto, xa que, ao seu xuízo, nomeou "un goberno sucedáneo" doutro que "xa arrastraba debilidades".

Situación en Ourense

Formoso aproveitou tamén para lembrar que o PP "non quere falar sobre a gobernabilidade da cidade de Ourense" e insistiu en que "están conformes coa indignidade e a vergoña que representa Gonzalo Perez Xácome",

Comentarios