Por negar acceso a informes sobre a fusión das caixas

Fiscalía estima a demanda interposta por Antón Sánchez contra a Xunta

"O escrito de Fiscalía danos a razón neste momento procesual e ve a vulneración dos dereitos recollidos no artigo 23 da Constitución", sinala o deputado de En Marea.

[Imaxe: @braisribeiro] Antón Sánchez

A Fiscalía de Galiza estima a demanda interposta polo deputado e portavoz adxunto do grupo parlamentario En Marea Antón Sánchez contra a Xunta por negar o acceso a informes e documentos relacionados cos acordos do Consello da Xunta do día 18 de novembro de 2010, polos que se autorizou a fusión das caixas galegas. Será agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o que teña que pronunciarse


 
"O escrito de Fiscalía danos a razón neste momento procesual e ve a vulneración dos dereitos recollidos no artigo 23 da Constitución", afirma o parlamentar, para quen "o goberno de Feixoo negou reiteradamente sen xustificación acceso a información clave no proceso de fusión das caixas de aforro galegas, que acabou nun gran “fiasco”". 
 

O Ministerio Público galego recoñece no seu escrito que "é indubidábel que o dereito de participación política do artigo 23 da Constitución é un dereito fundamental da configuración legal" e engade que "dados os termos do citado artigo 9 do Regulamento do Parlamento, non é xustificábel o silencio da administración autonómica en canto supón unha negativa reiterada e ata o momento inxustificada (por canto non manifestaron os motivos que o impiden) a entregar os informes e documentos solicitados  xa que con isto concúlcase o dereito de información dos parlamentarios no exercicio da súa función representativa". 


Para Antón Sánchez, que solicitou esta información no marco da comisión de investigación das caixas na Cámara galega mediante escrito de petición cursado o 20 de setembro de 2018, a través do Presidente do Parlamento, "é fundamental coñecer o papel da Xunta nunha fusión alentada polo Goberno de Feijxoo".
 

Comentarios