Santiago de Compostela

Sanmartín celebra o diálogo coa Igrexa e avanza que non asisitirá á Ofrenda ao Apóstolo, mais si ao resto de actos

"Como representante da cidade, e atendendo á condición de Estado laico, a miña participación centrarase nos actos institucionais", defende a alcaldesa de Santiago, que mantivo un primeiro encontro institucional co novo arcebispo, Francisco José Prieto.
Goretti Sanmartín recibiu o arcebispo, Francisco Prieto, esta segunda feira. (Foto: Concello de Santiago)
photo_camera Goretti Sanmartín recibiu o arcebispo, Francisco Prieto, esta segunda feira. (Foto: Concello de Santiago)

A nova alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo esta segunda feira un primeiro encontro institucional co arcebispo, Francisco José Prieto, que tamén se estreou no cargo o pasado mes. O obxectivo desta primeira xuntanza era "pór en común liñas de colaboración naquelas cuestións que afectan ou interesan a ambas as dúas institucións nun marco de diálogo constante", precisou a rexedora, que tamén expresou o seu "agradecemento" e "total disposición" e puxo en valor a "amabilidade que demostrou desde o primeiro momento deste novo mandato municipal" o representante eclesiástico.

"Para este Goberno as relacións coa Igrexa, e cos seus representantes, abórdanse co máximo repecto, como corresponde a unha institución sen a que non se entende a Compostela que coñecemos, que vincula a moita da nosa veciñanza, protagoniza a construción histórica desta cidade e rexe unha boa parte da nosa riqueza cultural e patrimonial", enfatizou Sanmartín.

Entre as cuestións que figuraban na axenda desta xuntanza, a alcaldesa fixo fincapé na a ordenación do sistema de acceso de visitantes á Catedral, "co fin de evitar aglomeracións e axilizar a entrada e saída", así como "a apertura de espazos eclesiásticos" para que a veciñanza e os turistas poidan "coñecer e gozar do patrimonio artístico que a Igrexa ten na cidade", a "musealización do Panteón Real coa correcta identificación dos reis galegos" ou a "posíbel cesión de casas reitorais para usos veciñais".

De cara a unha das citas máis agardadas e importantes do ano para a capital galega, o 25 de xullo, Día da Patria Galega e do Apóstolo, comunicoulle ao arcebispo a intención do seu Goberno de que o Concello celebre "un acto propio no que honrar a veciñanza compostelá dentro do día grande da festa desta cidade". Un evento, subliñou, "ao que, por suposto, estarán convidadas todas as institucións".

O obxectivo deste acto, sinalou a rexedora, será "recoñecer o labor ou a traxectoria de persoas e entidades que destacan en diversos ámbitos", dando sentido ao papel de Santiago como capital do país e meta de camiños de diálogo. "Queremos incluír este recoñecemento nunha data tan significativa para a propia cidade como capital na que acolle diversas celebracións doutros ámbitos institucionais e partidarios pero na que non contaba coa súa propia. O día grande de Santiago ampliará así as súas celebracións a máis sectores da veciñanza, ademais das autoridades xa convidadas habitualmente", subliñou.

E, no que atinxe ao resto de actos do 25 de xullo, Goretti Sanmartín, do mesmo modo que no seu momento fixera Martiño Noriega, anunciou que non asistirá á Ofrenda ao Apóstolo, se ben exercerá o seu "papel como alcaldesa en todas as funcións de benvida e recepción propias do Concello, como anfitrioa, e tamén no acto da cidade que incorporamos ao programa". Porén, defendeu a respecto do acto relixioso, "como representante da cidade, e atendendo á condición de Estado laico, a miña participación centrarase nos actos institucionais".

Pola súa parte, o arcebispo Prieto agradeceu "a acollida" e salientou a importancia de "manter os espazos de diálogo" entre dúas institucións "tan relevantes" para Santiago, ao tempo que amosou a "receptividade" da Igrexa católica e a importancia de "dar visibilidade" ao rico e diverso patrimonio co que conta na capital. Neste encontro tamén se coordinou a axenda para garantir o desenvolvemento ordenado de todos os actos institucionais, "nun día complexo e completo de celebracións de diverso carácter na nosa cidade", dixo a alcaldesa.

Comentarios