Ferraz ensina a porta de saída a Pilar Cancela

O PSOE retira á xestora do PSdeG a competencia de convocar primarias e congreso extraordinario, as súas principais atribucións.

Pilar Cancela PSOE
photo_camera Pilar Cancela PSOE

A xestora do PSdeG, dirixida por Pilar Cancela, tiña dúas atribucións principais no seu cometido, competencias para as que foi nomeada após a demisión de Besteiro, o anterior secretario xeral dos socialistas galegas: convocar primarias e congreso extraordinario. Ferraz vén de lle retirar ambas as dúas. “Fica sen efecto a competencia que lles permitía a convocatoria do seu respectivo Congreso para elixir a nova comisión”, di na carta remitida desde a xestora socialista española, presidida por Javier Fernández.

A misiva chega após o silencio da xestora do PSOE á petición de Pilar Cancela e a xestora galega de manter unha reunión. Ao que se engaden as declaracións de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, nas que afirma que Cancela “ten que explicarnos cando vai asumir as responsabilidades de que o seu proxecto de falta de proxecto para Galiza teña fracasado tan estrepitosamente”. 

Fica, pois, Cancela 'tocada', debilitada. A decisión de Ferraz chega após semanas nas que o sector 'crítico' coa presidenta da xestora e Fernández Leiceaga realizase diferentes críticas e insistise en pedir que se asumisen responsabilidades polos maos resultados do PSdeG. O apoio de Cancela a Pedro Sánchez, a única representante galega no Comité Federal do PSOE que deu ese paso, non a deixa en moi boa posición na nova correlación de forzas da xestora española.

Desde a xestora galega insístese en manter unha reunión con Ferraz. Por agora, sen resposta.

Comentarios