sábado 25/09/21
Carme Da Silva, tenente de alcalde de Pontevedra

“Feixoo saltou como un resorte para exercer de portavoz de Ence”

Na sesión plenaria da pasada sexta feira, a concelleira e tenente de alcalde de Pontevedra, Carme Da Silva, expuña os motivos que levaron o Goberno municipal a presentar un recurso contencioso-administrativo contra a prórroga da concesión de Ence en Lourizán aprobada cando o Executivo de Mariano Raxoi se atopaba en funcións. Conversamos con ela ao respecto.

[Imaxe: Concello de Pontevedra] Carme da Silva
[Imaxe: Concello de Pontevedra] Carme da Silva

A decisión do Goberno central de desistir de defender a prórroga a Ence na causa aberta na Audiencia Nacional despois da ampliación da concesión por parte do Executivo de Mariano Raxoi en xaneiro de 2016 -en funcións- “abre a porta a esperanza de que poidamos ver recuperada a ría”. Así o expresa, en conversa con Sermos Galiza, Carme Da Silva, concelleira e tenente de alcalde de Pontevedra, que na pasada sexta feira.

“Dixemos que traballariamos con todos os recursos á nosa disposición para que Ence saia da súa localización actual na ría, co fin de recuperala, e é o que estamos a facer. Cumprimos co compromiso que adquirimos coa sociedade”, explica a edil nacionalista, que lembra que o Goberno municipal encabezado por Miguel Anxo Fernández Lores decidiu presentar un recurso contencioso-administrativo ante unha concesión “irregular” decidida “por un goberno en funcións”.

"Se o PP considera que se fixo todo ben e non cometeu irregularidade ningunha para beneficiar a empresa, que medo ten?”

“Tanto o Goberno municipal como os servizos xurídicos do concello entendiamos que a decisión de ampliar a concesión tiña moitas irregularidades e de aí a presentación do recurso na causa aberta na Audiencia Nacional”, sinala, “o que me pregunto é: se o PP considera que se fixo todo ben e non cometeu irregularidade ningunha para beneficiar a empresa, que medo ten?”.

Da Silva refírese á reacción “absolutamente desmedida” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e do portavoz e candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafael Domínguez, “parece que fan méritos para accederen ao Consello de Administración de Ence”, chancea a concelleira, que acusa Feixoo de “estar ausente en todos os temas que afectan a Galiza”, de “estar calado cando debería ter saído defender os intereses galegos” e de “ser sumiso ao que lle di o PP en Madrid” cando neste caso “salta como un resorte poñéndose a exercer de portavoz de Ence”.

A concelleira nacionalista dá conta do que considera unha “chapuza” do PP e de Ence. “O informe da Avogacía do Estado recolle expresamente o seguinte: na orde ministerial recorrida non queda xustificado que a localización da mercantil sobre dominio público marítimo-terrestre non poida ter outro emprazamento. Isto non sería conforme co réxime normativo aplicábel”. “Estaban tan preocupados de darlle a prórroga que non se preocuparon de que no informe esqueceron explicar que non había posibilidade de facer esa actividade noutra localización que non fose dominio público”, subliña.

"A orde ministerial pola que se outorga a Ence a prórroga solicitada por un prazo de 60 anos a contar desde 2013 non sería conforme a dereito", mantén a Avogacía do Estado

Da Silva cita outra das “chapuzas” que pon ao descuberto o informe da Avogacía do Estado, ao que tivo acceso Sermos Galiza, “o prazo máximo de 75 anos é o resultado da concesión inicial e o prazo da prórroga, non podendo superara no conxunto 75 anos. A orde ministerial pola que se outorga a Ence a prórroga solicitada por un prazo de 60 anos a contar desde 2013 non sería conforme a dereito”. “Estes son argumentos que tamén esgrimía a asesoría xurídica municipal e que agora son motivo da solicitude de achantamento por parte da Avogacía do Estado”, sinala.

A concelleira do BNG pon de manifesto que a actual localización de Ence “é inadmisíbel en calquera outro Estado europeo”. “Todas as instalacións industriais en espazos destas características están a ser trasladadas. Por que aquí temos que soportar a Ence?”, pregúntase, “trátannos como colonia”, denuncia Da Silva, que acusa o Partido Popular de acometer “todas as modificacións lexislativas necesarias” e de empregar “o aparato do Estado” para que Ence se manteña en Lourizán, no canto de buscar unha localización alternativa.

“Todas as instalacións industriais en espazos destas características están a ser trasladadas. Por que aquí temos que soportar a Ence?”, pregúntase Da Silva

A concelleira insiste en apuntar que tanto o BNG como o Goberno municipal están do lado “da maioría da sociedade de Pontevedra, que leva moitísimos anos traballando para recuperar a ría”. “O PP, en vez de posicionarse coa meirande parte da sociedade, ponse do lado do Consello de Administración de Ence”, acrecenta. Unha dirección que, tal e como revelara Sermos Galiza no seu día, posúe vínculos co Partido Popular.

Non é a primeira vez que Feixoo se pon do lado de Ence. A finais de 2018, o DOG publicaba unha actualización da autorización ambiental da que dispuña a factoría desde abril de 2008. O Goberno galego prorrogou a autorización ambiental logo de rexeitar todas as alegacións formuladas polo goberno municipal de Pontevedra (BNG) e de colectivos como a Asociación pola defensa da Ría (APDR), Confraría de Pescadores de Lourizán e a Marea local.

comentarios