A Xunta entra en 'modo campaña': o alcalde de Ribeira denuncia a súa exclusión dun acto institucional

Non é a primeira vez que rexedoras e rexedores de diferentes concellos lamentan non ser convidados a actos oficiais da Administración "aos que si asisten cargos do PP". O de Ribeira, Luís Pérez, é o último en denuncialo.
Visita da conselleira Ánxeles Vázquez a Ribeira.
photo_camera Visita da conselleira Ánxeles Vázquez a Ribeira.

Varios dirixentes locais do PSOE e o BNG protestaron durante a pasada campaña electoral, e tamén ao longo do anterior mandato, polo "uso electoralista" que, ao seu parecer, adoita facer o Partido Popular dos actos institucionais promovidos pola Xunta da Galiza. Xa a comezos deste ano, en xaneiro, o grupo municipal socialista de Santiago —entón no poder da man de Xosé Sánchez Bugallo— cuestionaba que a un acto oficial polo 150º aniversario da praza de Abastos non fora invitado o rexedor, "mais si o —daquela— candidato do PP á Alcaldía", Borja Verea.

Algo moi semellante aconteceu nas mesmas datas en Carballo, cuxo alcalde, Evencio Ferrero, sinalaba en conversa con Nós Diario que a conselleira do Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitara a localidade para anunciar a ampliación do polígono de Bértoa. Porén, nin el nin ningún outro grupo da corporación local, "agás o PP", fora convidado. "Non nos sorprende, non é a primeira vez que pasa en Carballo", dicía.

Mais os de Santiago e Carballo non foron os únicos, pois a deputada socialista Begoña Rodríguez enunciou recentemente no Parlamento diferentes casos nos que o Executivo galego tería obviado o convite a rexedores e rexedoras de distinta cor á dos 'populares', que si adoitan ser convidados a estes actos. Isto tería sucedido no último mandato en municipios como Pontevedra, Vilalba, Ferrol ou Moaña.

E agora vén de sumarse á lista de 'agraviados' Ribeira, cuxa Alcaldía pasou hai poucos días a mans do nacionalista Luís Pérez Barral, que goberna grazas a un acordo cos independentes e o PSOE. Esta cuarta feira denunciou a súa exclusión de novos actos da Xunta.

"A semana pasada veu a Sálvora a conselleira de Política Social [Fabiola García] e hoxe veu a Palmeira a conselleira de Medio Ambiente Territorio e Vivenda [Ángeles Vázquez]. É sorprendente que a Xunta non nos comunique estas visitas nin convide ao goberno de todos os veciños e veciñas de Ribeira pero si conviden aos membros do PP local", dixo. Ante o que cualifica de "falta de lealdade institucional", asegura que o seu Goberno seguirá "defendendo os intereses da veciñanza de Ribeira".

Esta situación contrasta de forma drástica coa postura crítica do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co Executivo español no referido ao convite a eventos como o cumio hispano-alemán do pasado outubro na Coruña, ao que non asistiu, dixo, por ser convidado "a falta de menos de 48 horas".

Comentarios