23-X

As amizades perigosas de Núñez Feixoo pairan sobre a campaña

Alberto Núñez Feixoo presume de amigos, pero non de todos. Un deses é Marcial Dorado, o Marcial da Illa, un dos nomes míticos do contrabando e do narcotráfico galego desde finais dos anos setenta. Neste caso pasou polo cárcere, a diferenza doutros amigos do candidato popular, como Ignacio Sánchez Galán e Florentino Pérez, auténticos poderes fácticos do Estado e cabezas das dúas faccións enfrontadas do capitalismo español.

Arriba, á esquerda, Alberto Núñez Feixoo con Emilio Lozoya nas instalacións de Pemex; abaixo, apertándose co máximo directivo de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e á dereita, canda o narco Marcial Dorado.
photo_camera Arriba, á esquerda, Alberto Núñez Feixoo con Emilio Lozoya nas instalacións de Pemex; abaixo, apertándose co máximo directivo de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, e á dereita, canda o narco Marcial Dorado.

As "amizades perigosas" rodean Alberto Núñez Feixoo desde antes de ocupar responsabilidades de primeira fila na Administración galega e española. Unha das máis coñecidas é Marcial Dorado, toda unha referencia do contrabando e do narcotráfico na Galiza desde finais dos anos setenta, investigado e encausado en diversos procedementos desde os primeiros oitenta e unha das persoas detidas no marco da 'Operación Nécora', a primeira gran causa contra o contrabando e o narcotráfico na Galiza, promovida polo maxistrado Baltasar Garzón e o fiscal Javier Zaragoza en  xuño de 1990.

O nome de Marcial Dorado xa era coñecido nos ambientes policiais e xudiciais. Sete anos antes, en 1983, no marco do operativo contra o contrabando promovido polo xuíz de Cambados José Luís Seoane, Dorado resultou detido. Ao tempo, fixo parte do grupo de narcotraficantes galegos agochados en Viana do Castelo (Portugal), que en xuño de 1984 mantiveron no Hotel A Boega un encontro co entón presidente da Xunta da Galiza e dirixente de Alianza Popular, Gerardo Fernández Albor, co obxectivo de que intercedese por eles diante da Xustiza.

O 31 de marzo de 2013, practicamente 13 anos despois da 'Operación Nécora', Marcial Dorado, naquela altura encarcerado por tráfico de cocaína, apareceu na portada do xornal El País desfrutando dunha xornada de vacacións con Núñez Feixoo. As fotos foran tomadas entre 1995 e 1998, cando o actual candidato do PP á Presidencia do Goberno do Estado pasou varias temporadas no piso do narcotraficante en Baiona e partillou viaxes de pracer a diversos puntos do Estado, de Andorra e de Portugal. A resposta de Núñez Feixoo daquela e de hoxe segue a ser que no momento no que foron tomadas as imaxes descoñecía os negocios ilícitos aos que se dedicaba Dorado.

As fotos de Feixoo e Dorado certifican algo máis que unha amizade e poñen no foco as históricas conexións entre a dereita e o narcotráfico na Galiza. Sen ir máis lonxe, Laureano Oubiña, un dos históricos do contrabando no país, ten recoñecido a súa participación no financiamento da Unión de Centro Democrático (UCD), na etapa de Adolfo Suárez, e de Alianza Popular (AP), na época de Manuel Fraga. Na mesma dirección, é coñecida a militancia no PP, con importantes responsabilidades orgánicas ou institucionais de persoas ligadas ao contrabando e ao narcotráfico como  Vicente Otero 'Terito', autentico poder real de AP en Cambados; José Ramón Barral 'Nené', alcalde de Ribadumia; ou Pablo Vioque, secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía.

O caso Pemex

A operación de venda do estaleiro vigués de Barreras á petroleira pública mexicana Pemex en 2013 e as ligazóns entre os directivos desta compañía e Feixoo continúan baixo sospeita. Precisamente, o máximo responsábel naquela altura da empresa e persoa chave nas negociacións coa Xunta da Galiza, Emilio Lozoya Austín, atópase actualmente en prisión, solicitando para el a Fiscalía Xeral da República de México 39 anos de cárcere, por asociación delituosa, lavado de diñeiro e suborno, tras situalo  como a peza chave no aparato de corrupción do anterior presidente mexicano, Enrique Peña Nieto.

Unha das causas polas que está sendo investigado Lozoya é a compra do estaleiro de Barreras por Pemex. Sen ir máis lonxe, o 9 de febreiro de 2022, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, referiuse a esta venda sinalando que os estaleiros vigueses "estaban en bancarrota e practicamente fechados e durante unha visita decidiuse rescatalos, comprando o 51%". Neste sentido, Romero explicou: "encargáronse uns barcos, chámaselles froteis, [...] e cando se remataron de construír resultou que Pemex non os necesitaba. Encargáraselles nada máis que para dar negocio e viabilidade aos estaleiros, polo que se decidiu vendelos”.

O Goberno e a prensa mexicana cuestionaron o papel da Xunta da Galiza nesta operación. A este respecto, o 17 de febreiro de 2020, o prestixioso xornal El Universal destacou que "o ex director de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción. Eles protexían Lozoya na Costa do Sol española". Sánchez Sierra, naquela altura secretaria xeral de Medios da Xunta da Galiza, pasa por ser a persoa de máxima confianza de Feixoo.

A corte de Sánchez Galán

As conexións de Feixoo co poder económico son coñecidas. Neste sentido, é pública a súa estreita relación coas cabezas das dúas faccións en que se divide o capitalismo español, como certifican numerosos testemuños gráficos dos seus encontros co presidente de ACS, Florentino Pérez, e co máximo directivo de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán. O primeiro representa o denominado círculo do palco do Bernabeu, do que fan parte, entre outros, ACS ou Banco Santander. O segundo está formado por compañías como Iberdrola ou BBVA. Un e outro téñense visto favorecidos por Núñez Feixoo, sendo decisivo o apoio destes para acadar a Presidencia do PP no Estado.

A entrada de Feixoo na corte de Galán produciuse nos anos do Goberno do PSdeG e BNG na Xunta (2005-20009). Naquel momento, a decisión do Executivo de coalición entre socialistas e nacionalistas de mudar o modelo eólico na Galiza recibiu a contestación máis contundente das compañías do sector e de boa parte dos poderes económicos do país, actuando Iberdrola como mascarón de proa da campaña de acoso ao Executivo bipartito. Neste contexto, o PP converteuse no executor político da táctica definida polas grandes compañías de xeración eléctrica con intereses na Galiza.

O abrazo de Sánchez Galán e Núñez Feixoo, durante o acto de toma de posesión deste como presidente da Xunta, en abril de 2009, foi toda unha declaración de intencións do programa de Goberno do dirixente popular. O novo mandatario galego, que fixo da derrogación do concurso eólico do bipartito un cabalo de batalla na súa campaña electoral, non tardou en cumprir a promesa, malia significar un duro golpe para as cooperativas agrarias, o sector conserveiro e a propia Xunta da Galiza, propietaria de 14% de 2.300 MW adxudicados polo bipartito.

O terceiro home da icónica foto da primeira investidura de Feixoo na Galiza facía parte, tamén, do mundo económico de Iberdrola. Neste caso, tratábase de Juan Luis Arregui, primeiro accionista de Ence con perto de 30% do seu capital e naquela altura presidente da compañía. O candidato do PP ao Goberno do Estado, que accedeu á Presidencia da Xunta prometendo a retirada da pasteira da ría de Pontevedra, non tardou en cambiar de posición converténdose nun firme defensa da continuidade da celulosa en Lourizán.

O amigo Florentino Pérez

As relacións entre Florentino Pérez e Feixoo son, tamén, moi próximas. A construtora do presidente do Real Madrid, ACS, foi unha das grandes beneficiadas nas adxudicacións da Xunta da Galiza, tanto na etapa onde Feixoo era conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas como nos seus anos á fronte da Xunta. Neste sentido, nun informe elaborado en 2006 polo xerente do PP galego, Modesto Fernández, sobre supostas achegas ilegais ao PP para a campaña de 2005 aparece ACS doado ao PP da Galiza a cantidade de 60.100 euros.

Pérez e Feixoo manteñen unha intensa axenda privada. Así por exemplo, partillan todos os anos unha mariscada en Cedeira en compañía de Mariano Raxoi e do xornalista Bieito Rubido. Na mesma liña, nos círculos políticos e económicos da capital do Estado son coñecidos os contactos entre un e outro, até o punto de situar o presidente de ACS entre o núcleo reducido de persoas cuxas opinións son tidas en conta polo candidato popular.

O informe elaborado en 2006 por Modesto Fernández e entregado por Luis Bárcenas ao xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz situaba as empresas ligadas á construción e á obra civil como as primeiras doantes da formación na Galiza. Á cabeza das mesmas, situábase a ourensá Copasa con 380.245 euros aparecendo, tamén, compañías madrileñas como FCC, que aportou 108.000 euros, Acciona, a través da súa filial Necso, que achegou 100.000 euros ou a xa referida ACS.

Outras empresas galegas incorporadas á lista de Modesto Fernández eran o grupo de Ordes CRC Ramón Carro, que achegou ao PP 33.000 euros, ou grupo Campo, con contribucións de 200.000 euros.

Comentarios