Mentres Urkullo demanda 37 traspasos pendentes

Feixóo, o presidente das cero transferencias para Galiza

A xuntanza esta segunda feira do lehendakari Iñigo Urkullu co presidente do Goberno central rematou cun acordo: a creación dunha comisión bilateral entre os dous Executivos para negociar o trasapaso a Euskadi de 37 competencias. En xullo será o presidente galego quen visite a Moncloa. Chega a esa xuntanza cunha bagaxe inédita: cero transferencias a Galiza nos seus mandatos.

tellado feixoo PP imaxe do Flickr do PPdeG
photo_camera Flickr do PPdeG

Feixóo xa anunciou que na primeira reunión que teña co presidente do goberno español –apalabrada para xullo e pendente de confirmar data definitiva- vai pedirlle agora o traspaso da AP-9 a Galiza. Para alén de que as ansias do presidente da Xunta pola transferencia da AP-9 son inversamente proporcionais ao poder que o seu partido teña en Madrid, o chamativo é que Núñez Feixóo vaia pedir que se transfira algo ao país do que é presidente.

En nove anos de goberno non houbo ningunha nova transferencia de competencias para Galiza. O balanzo de Núñez Feijóo mostra ás claras a idea e visión que o PP ten do autogoberno, máis próxima a unha simple oficina de xestión administrativa supeditada ao centro de decisión política de Madrid do que a un goberno de seu dunha nacionalidade histórica (como estabelece a constitución española do 78).

O ano en que se aprobou o Estatuto de Autonoía, 1981, o noso país lograba unha transferencia de competencia estatal. Só unha? Pois xa é unha máis das que houbo sumando todos os anos de goberno de Núñez Feijóo. Desde que chegou ao cargo de presidente da Xunta, en 2009, e até o de agora, o número de transferencias logradas pola súa Xunta foi de cero. Case unha década en branco, nunca tal pasara na (breve) historia da autonomía de Galiza. A primeira lexislatura de Feijóo saldouse en cero traspasos de competencias estatais, mesmo balanzo que a segunda e, como todo apunta, este vai ser tamén o percorrido da terceira

Porén, ao longo destes anos, outros territorios si que lograron novas competencias. Non só de Euskadi e Catalunya, mais tamén doutras autonomías.

Desde ese escenario actual, fica ben lonxe aquel 2009 en que PP, PSdeG e BNG acordaban relanzar e reimpulsar a axenda de 70 competencias que catro anos antes, 2005, o goberno galego -daquela cunha coligazón de socialistas e nacionalistas- comezaba a negociar co Estado.

Comentarios