Feixoo pon de exemplo do seu compromiso con Madrid a “doazón” de respiradores sen saber se “farían falta” na Galiza

O presidente nega "madrileñofobia" e di que “quere turismo, e especialmente turismo de maior competencia e maior valor engadido, que é o das persoas que veñen de Madrid”.

Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Imaxe: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso (Eduardo Parra / Europa Press)

Núñez Feixoo tenta a toda costa que non se lle asocie coa “madrileñofobia”, algo que, por certo, non fai ninguén agás Vox, que acusa o presidente da Xunta de discriminar os madrileños e madrileñas por pedir medidas que garantan que coa liberdade de mobilidade no Estado non haxa un desembarco de persoas de provincias con moita incidencia do COVID-19.

Mais esas acusacións de Vox, con eco no sector mediático máis reaccionario da capital do Estado, leva a Feixoo a tentar por todos os medios evitar calquera mínima sospeita de que non comunga con Madrid.

O presidente da Xunta negou esta terza feira que haxa "madrileñofobia" na Galiza e lamentou que se estea "intoxicando" coas súas palabras en relación ás restricións de mobilidade que deberían existir entre territorios para garantir a saúde pública no marco do desconfinamento

Na súa opinión, "hai xente que usa a pandemia para crear divisións entre españois". "E asegúroche que calquera español será ben recibido aquí", advertiu o presidente galego, en declaracións  en Compostela, antes de remarcar que o único que a Xunta quere é que os turistas "veñan con seguridade".

Afirmou Feixoo que quere "deixar claro" que Galiza "quere e precisa turismo, e especialmente turismo de maior competencia e maior valor engadido, que é o das persoas que veñen de Madrid para visitar e ter a súa casa aquí".

"Queremos que volvan, que veñan con nós, por suposto", dixo o presidente galego. "Invitalos de novo e dicirlles que veñan, non quince días, se poden vir 30 ou mes e medio, mellor", engadiu despois, antes de concretar que esta invitación é "perfectamente compatíbel" con dicir que, se houbese brotes " nunha zona, nun hospital, un barrio ou unha cidade ", habería que actuar" polo ben de todos "e" manter a saúde pública ".

Os respiradores

Nas súas declaracións, Fexoo recordou que, durante a pandemia, Galiza "doou" respiradores a Madrid, o que lle custou críticas. Ao seu xuízo, esta "doazón" de respiradores "sen saber" se "serían necesarios" na comunidade mostra o "compromiso" da Galiza cos madrileños.

Comentarios