Feixoo e outros sete altos cargos do PP percibiron 200.000 euros do partido en gastos de representación no último ano

En xuño, o PP desvelou publicamente que Feixoo cobrou 39.260 euros en "gastos de representación" da súa formación á marxe do seu soldo como senador, coincidindo coas exixencias do PSOE e do presidente do Senado, Ander Gil, para que actualizase a súa declaración de rendas no Senado.
O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa desde o Congreso, o pasado 30 de agosto, após reunirse con Pedro Sánchez. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, en rolda de prensa desde o Congreso, o pasado 30 de agosto, após reunirse con Pedro Sánchez. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, e sete membros da cúpula do Partido Popular percibiron case 200.000 euros en gastos de representación do partido no último exercicio, segundo figura na declaración de bens e rendas que presentaron nas Cortes coincidindo co inicio da presente lexislatura.

En xuño, o PP desvelou publicamente que Feixoo cobrou 39.260 euros en "gastos de representación" da súa formación á marxe do seu soldo como senador, coincidindo coas exixencias do PSOE e do presidente do Senado, Ander Gil, para que actualizase a súa declaración de rendas no Senado.

Feixoo -que chegou á Presidencia do PP en abril de 2022 tras a profunda crise interna que acabou co liderado de Pablo Casado- consigna agora esa cantidade de 39.000 euros na declaración de bens e rendas que rexistrou no Congreso.

Aí tamén figura que comprou unha casa situada na Coruña o pasado mes de agosto e ten 4.000 accións de Inditex valoradas en 130.000 euros, así como 600.000 euros en aforros repartidos nun fondo de investimento e un plan de pensións.

Outros cargos do PP

Pola súa parte, a secretaria xeral do PP e portavoz do Grupo Popular no Congreso, Cuca Gamarra declara recibir 26.860 euros en gastos de representación e 28.759 euros do grupo parlamentario. No apartado de contas e plan de pensións sinala ter 170.000 euros, entre outros bens e propiedades, á vez que conta cunha hipoteca da que debe máis de 190.000 euros.

O coordinador xeral do PP, Elías Bendodo, asegura que recibiu 14.500 euros (neto) en gastos de representación e di contar con catro vivendas (dúas en réxime de lucrativos), unha parcela e dúas prazas de garaxe, aínda que ten catro préstamos hipotecarios que ascenden a máis de 408.000 euros. Na súa conta corrente figuran 24.277 euros, segundo a súa declaración.

O vicesecretario de Acción Institucional, Esteban González Pons, o responsábel de Organización do PP, Miguel Tellado, e o vicesecretario de Economía, Juan Bravo, percibiron cada un 22.720 euros en gastos de representación do partido, segundo figura nas súas respectivas declaracións de bens e rendas.

No caso de Pons, que percibiu 89.858 euros do Parlamento Europeo no último exercicio, declara 282.868 euros en plans de pensións e xubilación e ten un préstamo pendente por pouco máis de 16.000 euros.

Juan Bravo declara 46.875 euros por rendemento do traballo e polo mesmo concepto outros 2.260. Ademais, ten 8.500 euros en accións, 15.000 euros en depósitos, un plan de pensións por valor de 3.559 euros e unha hipoteca de 144.000 euros, da que aínda debe pouco máis de 39.000 euros.

Pola súa parte, o galego Miguel Tellado ten dous pisos en Ferrol e 23.000 euros en depósitos en contas correntes e plan de pensións, á vez que ten tres préstamos pendentes por importe de 75.000, 12.000 euros e 14.000 euros por compra de vivenda e dous vehículos.

A vicesecretaria de Estudos e Programas do PP, Carmen Navarro, declara 19.800 euros en gastos de representación do partido. Tamén dispón de tres vivendas en Albacete, unha en Murcia e un apartamento en Madrid; teñen 45.000 euros en contas correntes; e dous préstamos hipotecarios dos que debe 360.000 euros.

Comentarios