A sanidade privada dá as costas a Feixoo

Nos últimos anos, a Xunta deixou pasar a oportunidade de ampliar a súa rede de hospitais e, ao mesmo tempo, salvar a delicada situación económica das empresas galegas que levaban a súa xestión, mais preferiu botar en mans do capital foráneo unhas infraestruturas que agora se fan moi necesarias. 
Hospital Nosa Señora da Esperanza, en Compostela (Arxina)
photo_camera Hospital Nosa Señora da Esperanza, en Compostela (Arxina)

Galiza está a vivir estes días os efectos da incidencia de coronavirus entre a poboación, unha situación que pon a proba a capacidade do sistema galego de saúde pública. O aumento de positivos e do número de ingresos hospitalarios como consecuencia da pandemia está a levar a moitos destes centros ao límite. De feito, a Xunta tivo que ampliar a oferta de camas, moitas afectadas durante anos polo feche de plantas, e recorrer á sanidade privada para dar resposta ás necesidades das galegas.

Na práctica, a actividade nas clínicas privadas é anecdótica. Ou cando menos é o que queren dar a entender para xustificar despedimentos e recortes de persoal. Esta semana, HM Hospitales, unha das grandes firmas do sector con importante presenza na Galiza, recoñecía que non renovara contratos temporais ao personal que non estaba na primeira liña da batalla contra a COVID-19. Nun comunicado, a compañía afirmaba que o seu persoal "está a traballar ao máximo", e mesmo estaban a contratar profesionais como médicas, enfermeiras, auxiliares e limpadoras para reforzar a xestión asistencial.

O problema é que estes centros viven en gran medida das consultas externas ás que chegan as beneficiarias dunha póliza de saúde privada. Agora eses servizos están en mínimos e o seu persoal, moitos de "vacacións" por suxestión da empresa, pendentes de que as compañías decidan se presentan un ERTE que no conxunto do Estado español podería alcanzar a 28.000 traballadoras

A aposta pola privada

O prezo de ter privatizado a sanidade é alto. Máis dos 200 millóns de euros que cada ano destina a Xunta aos concertos sanitarios con clínicas privadas. A elas deriva as pacientes que, por falta de recursos en Atención Primaria como consecuencia dos recortes dos últimos anos, non poden ser atendidas nos tempos marcados polo propio Executivo do PP. É o propio Goberno, pois, o que ten que pagar pola súa incapacidade.

Agora, cando a atención médica se fai máis necesaria que nunca, a sanidade privada volve dar as costas ao Goberno galego, mesmo a burlarse del con despedimentos de persoal que ben podería botar unha man na xestión da crise do coronavirus. 

Unha de cada catro camas hospitalarias na Galiza está en mans da sanidade privada, unha situación que se podería ter revertido hai menos dun ano se a Xunta tivese optado por se facer coa xestión de Povisa. O hospital vigués, propiedade do empresario José Silveira, foi adquirido o pasado mes de outubro por 22 millóns de euros. Un centro ao que o Executivo galego destinaba 80 millóns de euros dos seus orzamentos cada ano, que ben poderían terse empregado para manter as 573 camas do complexo na rede pública. Porén, foi o grupo Ribera Salud quen se fixo coa xestión do maior hospital privado da Galiza. 

En Vigo, as doentes poden acudir tamén á clínica Nosa Señora de Fátima, en mans dun xigante do sector, o Grupo Vithas, ou ir ao Cunqueiro, un hospital público baixo xestión privada, e o Meixoeiro, vítima do desmantelamento da sanidade perpetrado polos gobernos do PP. 

O partido das privadas

O Partido Popular parece sentirse cómodo coa sanidade privada. Proba diso son as privatizacións que se levaron a cabo en territorios como Madrid, onde ten o seu centro de intereses o grupo HM Hospitales, propietario do Sanatorio Modelo e o Hospital Belén da Coruña e A Rosaleda e Nosa Señora da Esperanza en Compostela, e unha das grandes beneficiarias desta política de privatizacións. 

Quirón, con Víctor Madera, cualificado nos círculos do poder como “o ministro de sanidade do PP na sombra”, é outro dos pesos pesados, xa que conta cun hospital na Coruña e xestiona o centro Miguel Domínguez e o Instituto de Neurorehabilitación de Pontevedra, entre outros. Povisa era, xunto co hospital San Rafael da Coruña, o Juan Cardona de Ferrol, Cosaga e O Carme en Ourense e Polusa e Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, o único que escapaba das redes dos xigantes do sector.

Con todo, a sombra do PP estaba presente. María Luisa Brandt, persoa de confianza da ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, foi nomeada xerente de Povisa após a súa saída do Executivo de Feixoo. Precisamente, a ex conselleira aproveitou para dirixir tamén un destes centros, Nosa Señora da Esperanza, após abandonar a Dirección Xeral de Saúde Pública en 2001, e antes de regresar ao Executivo galego en 2009 para levar a dirección do Sergas e, posteriormente, a carteira de Sanidade.

Comentarios