Coronavirus

Feixoo: "Seguimos preparando as eleccións con normalidade"

Subliña que a Xunta traballa para que se realicen, mais aponta que a saúde pública está "antes de calquera proceso electoral".

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo (Xunta).

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG, Núñez Feixoo, asegurou que o seu Goberno "non" quer "aprazar" as eleccións galegas e traballa para que se realicen o 5 de abril, aínda que subliñou que haberá que ver como evoluciona a crise nas vindeiras semanas e o que recomendan as autoridades sanitarias.

"Desde a rolda de prensa de onte, non temos outra información salientábel", trasladou Feixoo, en declaracións aos medios, tras participar nun acto de precampaña en Ferrol. Ao tempo, insistiu en que a incidencia do virus en Galiza é "baixa" en relación ao conxunto do Estado español.

Nesta coxuntura, apelou a atender o que indican as autoridades sanitarias e ver como evoluciona o número de contaxios. Subliñou que "non hai máis novidades" e que o PPdeG continúa coa súa campaña con normalidade. "Seguimos preparando as eleccións con normalidade. O que queremos é que se fagan o día acaído, que é o día convocado, o 5 de abril", defendeu.

"Non queremos aprazar as eleccións"

Matizou que ante a pregunta de que pasaría se a situación empeora e Galiza se atopase nun escenario de "absoluta dificultade” e ponse en risco a "saúde pública" e o "dereito ao sufraxio de todos os cidadáns habería que barallar a posibilidade de aprazar as eleccións. "Se así fose, deberiamos ter unha resposta", subliñou.

En todo caso, insistiu en que a Xunta traballa para non chegar a este extremo e "manter as eleccións como estaba previsto". "Pero antes de calquera proceso electoral está a saúde dos cidadáns", dixo.

Sinalou que os franceses teñen eleccións municipais esta fin de semana e "van a mantelos", o que considera "un bo indicador". A partir de aí, apelou á "prevención" e á "precaución".+

Os partidos chaman á calma a espera de saber se o coronavirus afectará á campaña.

Comentarios