mércores 03.06.2020
Valoracións do preacordo

Feixoo apela Sánchez a falar cos defensores da unidade de España

«Pense moi ben o acordo con Podemos», pediu Alberto Núñez Feixoo a Pedro Sánchez. O presidente da Xunta de Galiza exhortou o líder do PSOE a «voltar a falar» cos partidos «non dubidosos de defender a unidade de España e o Estado autonómico».

Alberto Núñez Feixoo (Xunta)
Alberto Núñez Feixoo (Xunta)

O presidente da Xunta de Galiza preguntouse se Pedro Sánchez durmirá tranquilo con Pablo Iglesias no goberno. Desta maneira Alberto Núñez Feixoo valorou negativamente o preacordo alcanzado por Unidas Podemos e PSOE esta terza feira 12 de novembro para a conformación dun Executivo no Estado.

Feixo exhortou o líder do PSOE a «voltar a falar» cos partidos «non dubidosos de defender a unidade de España e o Estado autonómico» e que teñen «experiencia de goberno». «Pense moi ben o acordo con Podemos», pregou Feixoo a Sánchez.

Sobre o preacordo conseguido a 24 horas das eleccións xerais, o presidente galego afirmou que ninguén vai confiar en Pedro Sánchez «de ser verdade que nos enganaron a todos durante tanto tempo», en referencia á imposibilidade de chegar a un acordo de goberno na anterior lexislatura.

Feixoo considerou ademais que «o PSOE que dirixían Felipe González ou Alfredo Pérez Rubalcaba, constitucional, socialdemócrata, con proxecto para toda España, tomaría a iniciativa de chamar o PP a noite electoral para negociar».

comentarios