APóS MESES DE XOGAR AO DESPISTE

Feijóo pon fin á súa estratexia de precampaña e anuncia a súa terceira candidatura á Xunta

Non houbo sorpresa. O que era un secreto a voces converteuse en realidade na mañá do sábado, cando Alberto Núñez Feijóo anunciou que recuncará como aspirante do PP á presidencia da Xunta. Con esta son tres as veces que Feijóo opta a presidir o Goberno galego.

FEIJOO PEQ
photo_camera [Imaxe: @PPdeG]

Após meses de xogar ao despiste, mesmo aludindo a unha posíbel entrada na empresa privada, Alberto Núñez Feijóo desvelou na mañá do sábado que recuncará como candidato do PP á presidencia da Xunta de Galiza. Pon fin deste xeito á estratexia de precampaña que iniciara tempo atrás, cando anunciou a remodelación do seu Goberno e a fin da política de austeridade.

O domingo 4 de outubro, Feijóo daba conta dos cambios do seu Goberno e incrementaba por vez primeira o número de consellarías, facendo unha chiscadela ás políticas públicas máis expansivas e menos austericidas.

Deste xeito, o presidente da Xunta encetaba o relanzamento do seu Goberno e da súa figura após ver como se lle fechaba a vía madrileña.

“Feijóo é o mellor candidato posíbel” repetíase día tras día como un mantra nas declaracións de dirixentes do PP aos medios de comunicación

Feijóo, "o mellor candidato posíbel"

Nas últimas semanas intensificárase a campaña de voces do PP a favor de que Feijóo repetise como número un da formación política nas eleccións galegas de 2016. “Feijóo é o mellor candidato posíbel” repetíase día tras día como un mantra nas declaracións de dirixentes do PP aos medios de comunicación.

O propio presidente da Xunta alimentaba xa desde meses atrás a expectación arredor do seu futuro deixando caer unha posíbel saída da política para tratar de calar a quen apuntaba ao seu esforzo por saltar a Madrid. 

Na liña de suscitar interese e solemnidade, Feijóo convocou todos os conselleiros e ex conselleiros do seu Goberno á reunión na que anunciou que será o candidato do PP á presidencia da Xunta. O anuncio fíxoo pasadas as 11.55h, franqueado por dúas bandeiras españolas e dúas galegas, e cun cartaz baixo o lema “As persoas no centro”.

Comeza agora a conta atrás para o Congreso do PP na Galiza, que terá lugar o 7 e 8 de maio en Ourense.

“Sacrifícase” por Galiza

A intervención de Feijóo foi longa. Na liña da estratexia marcada polo manual do PP, o actual presidente da Xunta presentouse como o home que “sacrifica” a súa vida para lla dar a Galiza. “Sempre que tiven a oportunidade de elixir na miña vida, sempre elixín Galiza”, sinalaba.

“Se alguén pensaba que tiña a cabeza noutro lugar, eu respóndolle que non só teño a cabeza na Galiza, senón tamén no corazón”, engadía.

Cunha emoción medida, Feijóo tiraba dunha estratexia xa vella, a mesma da que tirara Manuel Fraga cos seus amagos á hora de se postular como candidato do PP á presidencia da Xunta

Cunha emoción medida, Feijóo tiraba dunha estratexia xa vella, a mesma da que tirara Manuel Fraga cos seus amagos á hora de se postular como candidato do PP á presidencia da Xunta. Ante unha militancia entregaba, que coreaba “Presidente! Presidente!”, Feijóo deixábase querer e recorría aos sentimentos ao lembrar as renuncias familiares que tivo que facer por estar á fronte do Goberno galego.

Deste xeito, lembraba a aperta que lle dera a seu pai en 2009, cando gañou o PP as eleccións, e lamentaba non poder terlle dado máis apertas ao longo deste tempo como presidente da Xunta.

Fica agora aberto outro debate: para cando as eleccións galegas? Manterase a convocatoria para outubro ou adiantarse a xuño?

[Esta información foi actualizada por volta das 12.15h, ao engadirmos os últimos parágrafos]

Comentarios