REACCIóNS

A oposición celebra o remate do “paripé” de Feijóo

PSdeG, BNG e AGE reaccionaron ao anuncio de Alberto Núñez Feijóo de recuncar como candidato do PP á presidencia da Xunta de Galiza. Coinciden as tres forzas en celebrar que rematara o “autobombo” en que estaba instalado o presidente do Goberno galego.

Parlamento galego

PSdeG

“Danos igual Xan que Pericán”. Así reaccionaba Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, ao anuncio de Feijóo, dado que entende que “non hai un proxecto do PP para Galiza”.

Na mesma liña, Cancela puxo de manifesto que “o único que nos trouxo é un Goberno de 100.000 parados máis para o noso país desde a súa chegada”. “Non hai ningún sector produtivo que poida poñer enriba da mesa ningún dado positivo”, engadiu á saída do Comité Federal do PSOE en Madrid.

BNG

Ana Pontón, pola súa banda, elixiu as redes sociais para expresar a súa alegría por que “o candidato mártir” poña fin ao “paripé de autobombo preelectoral”, ao que acusou de inaugurar a campaña.

A portavoz nacional do Bloque preguntouse “que pensarán @s desafiuzad@s, parad@s, precari@s ante o sacrificio do candidato-mártir Feijóo” e apelou a “aforrarlle sufrimento botándoo para a casa”. A nacionalista amosouse convencida de que os galegos e galegas “aproveitarán para despedir co seu voto o candidato mártir Feijóo e abrir un cambio real a prol das maiorías sociais”.

AGE

O viceportavoz de AGE, Antón Sánchez, referiuse a Feijóo como “historia”. “O importante non era coñecer a decisión persoal de Núñez Feijóo, senón que convocase as eleccións xa para permitir que Galiza teña canto antes gobernantes capaces de fortalecer o noso país de futuro”, engadiu.

Antón Sánchez alegrouse de que o PP finalizase “a ópera bufa dos últimos meses” e lamentou a “actitude frívola” de Feijóo, “preocupado unicamente na súa persoa e no seu futuro persoal”.

CxG e C's

Alén do marco parlamentar tamén se pronunciaron Compromiso por Galicia e Ciudadanos. Xoán Bascuas (CxG) animou o pobo galego a “facerlle cumprir” ao líder do PP a súa decisión de non optar a un terceiro mandato e pediu “envialo a onde debe estar, que é na oposición”.

Ciudadanos, en declaracións recollidas por Europa Press, expresou que “chama a atención” que Feijóo anuncie que recunca após “oito anos dicindo que dous mandatos eran suficientes para un proxecto”.

Comentarios