PUY: "É Só UNHA VIAXE MáIS"

Feijóo evita comparecer no Parlamento nunha sesión monográfica sobre Cuba

O voceiro do Partido Popular no Parlamento de Galiza afirmou ao termo do período de sesións Feijóo informará sobre o conxunto das súas viaxes institucionais. Vídeo no interior.

Pedro Puy
photo_camera Pedro Puy na rolda de prensa previa á xunta de voceiros. Foto: Irene Pin

"O momento de facer balances será ao final do período de sesións". Pedro Puy fechou a porta a unha comparecencia específica e monográfica de Alberto Núñez Feijoo para dar conta dos resultados acadados na viaxe institucional á Habana, onde se reuniu co presidente cubano, Raúl Castro.

Na rolda de prensa previa á xunta de voceiros, Puy argumentou que Feijoo está a ter unha axenda internacional moi prolífica e a de Cuba é só "unha viaxe máis", xa que vén de se reunir "con xefes de estado de diferentes ideoloxías". Este feito marcará as actuacións dos populares, que darán conta de todas as viaxes "ao final do período de sesións", segundo Pedro Puy.

O Partido Popular presentará a proposta dun Plan de Regulamento do Transporte Público

Na súa comparecencia ante os medios, o voceiro parlamentario do PP afirmou que farán unha proposición de lei para regular o transporte público de Galiza. Con esta proposición, os populares matizan o anuncio de Núñez Feijoo, no que aseguraba que se garantiría un servizo de transporte metropolitano gratuíto a menores.  Puy espera poder garantir o servizo", así como afirmou ter a intención de que no transporte rural primen os principios sociais fronte os económicos.

"Calquera persoa que veña de disfrutar plácidamente da vida universitaria e se meta en política pode recibir eses cualificativos"

Ante as novas no PSdeG, coa vitoria de Xaquín Fernández Leiceaga sobre Méndez Romeu, Puy felicitou a Leiceaga, mais afirmou que o seu discurso evolucionará, pois "o debate en primarias vai dirixido á militancia e esta ten intereses diferentes aos da cidadanía". Ao serenlle lembradas as palabras de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, quen aludiu a Leiceaga como un kamikaze, Puy refusou criticalas e alegou que: "calquera persoa que veña de desfrutar plácidamente da vida universitaria e se meta en política pode recibir eses cualificativos".

Comentarios