Feijóo, na cimeira do escapismo, elude reprobar as declaracións machistas de Cañete

Feijóo só viu "un cuarto" do debate Cañete-Valenciano. Feijóo non escoitou as declaracións posteriores de Cañete en Antena-3. O gabinete de imprensa de Feijóo tivo un mal día e tampouco informou ao seu chefe de nada. Feijóo supérase a si mesmo e pretexta "descoñecimento" para non avaliar as declaracións machistas de Cañete.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

Génova deu unha instrución clara -non desautorizar a declaración machista de Cañete- e todo o PP púxose firme. Ninguén desafinou. Nen a vicepresidenta Soraya nen Ana Botella, embora sexan mulleres e deberían sentirse ofendidas. Tamén seguiu o libreto Feijóo. Seguiuno ao seu xeito. Pretextou ignorancia. Coñecido pola súa destreza no escapismo, Feijóo bateu as súas propias marcas. Dixo "descoñecer" as afirmacións de Cañete, algo que calquera persoa que coñeza o funcionamento das organizacións políticas -ou de calquer tipo de organización- sabe que é imposíbel.

"Non coñezo esas declaracións. Mal me podo pronunciar sobre unhas declaracións que descoñezo e un debate que non vin", dixo Feijóo. O presidente da Xunta deu a súa coartada: durante a maior parte do debate, el estaba a protagonizar unha entrevista en Vtelevisión. Até demandou ao xornalista que lle perguntou por Cañete que lle interpelara mellor sobre a súa propia entrevista.

Aínda que só dixo ter visto un "cuarto" do debate, si que avanzou a súa impresión sobre quen eventualmente puido gañalo: "Onte víamos ou parecía cando se escoitaba que os problemas da crise, do paro e do déficit os creara o PP, e evidentemente a inmensa maioría dos cidadáns sabe que iso non é riguroso e que este debate e este tipo de plantexamentos non está á alura de alguén que queira encabezar a candidatura da quinta economía europea", dixo en alusión a Valenciano e en alusión a España.

Comentarios