"Toda España está pescando moito máis. Tamén Asturias", di Cañete no debate con Valenciano

"Debate sen pulso entre @s candidat@s de PP e PSOE nestas europeas. Nen unha soa referencia a Galiza e dúas ausencias clamorosas no confronto: nen se pronunciou o nome de Bárcenas nen se tocou o hipotético goberno de coligación invocado hai días polo propio Cañete e respaldado por Felipe González.

debate2

Cañete e Valenciano pronunciaron o nome de Asturias e non o de Galiza cando se referiron á situación do sector pesqueiro.

A candidata do PSOE, para rebater a suposta mellora da pesca no Estado aducida por Cañete, dixo que "os pescadores asturianos non pensan iso". O candidato conservador dixo, para pór fin á cuestión, que "toda España está pescando moito máis, mesmo Asturias, que está a pescar moita máis caballa".

Nen unha soa referencia á redución das cotas de captura para a frota galega, nen unha soa referencia aos problemas do sector lácteo galego e nen unha soa referencia á situación do sector naval de Galiza, moi condiciona por decisións adoptadas en Bruxelas.

Deu toda a impresión de que as equipas de campaña de PP e PSOE combinaron non tocar no debate de forma aberta nen o asunto Bárcenas nen o tema do goberno de coligación

"A direita está fracturando Europa", espetou Valenciano, que nese momento finxiu ignorar que con esa direita gobernan os socialdemócratas en Alemaña e que os seus correlixionarios en Franza están a aplicar as mesmas receitas que os neoliberais.

Valenciano aproveitou para reivindicar os supostos logros dos ex presidentes de goberno socialistas. "Quen meteu o Estado español na UE foi Felipe González. Quen meteu o Estado español no G-20 foi Zapatero. Vostés o único que fixeron foi meternos nun conflito bélico", dixo.

Cañete, aliado de Felipe González

Nese momento emerxeu o Cañete aliado de Felipe González, recentemente unidos na defensa dun futuro goberno de concentración PP-PSOE. "Non discuto os méritos de Felipe González, dixo Cañete, "o que digo é que vostés foron irrelevantes con Zapatero en Europa".

Deu toda a impresión de que as equipas de campaña de PP e PSOE combinaron non tocar no debate de forma aberta nen o asunto Bárcenas nen o tema do goberno de coligación. Sobre a corrupción Valenciano limitouse a brincar cunha vaga referencia á afeizón dos dirixentes do PP a viaxaren a Suíza.

Comentarios