VÍDEO

Marcial Dorado, un presidente esquivo e o porqué do golpe de Beiras no escano de Feixoo

O presidente do PP rememora o día no que o nacionalista Xosé Manuel Beiras foi até o seu escano no Parlamento galego para demandarlle "un pouco de decencia" e asegurar que non era un dirixente "digno" para Galiza, unha actitude que equipara agora á agresión do ultradereitista Ortega Smith a un edil de Más Madrid mais da que non explica a súa intrahistoria e contexto.
Xosé Manuel Beiras, diante do escano de Alberto Núñez Feixoo, no tenso pleno do Parlamento do 24 de abril de 2013. (Foto: RTVE)
photo_camera Xosé Manuel Beiras, diante do escano de Alberto Núñez Feixoo, no tenso pleno do Parlamento do 24 de abril de 2013. (Foto: RTVE)

A agresión do ultradereitista Javier Ortega Smith (Vox) ao edil Eduardo Fernández Rubiño (Más Madrid) lanzándolle á cara unha botella no pleno municipal da pasada sexta feira tivo tamén eco na Galiza. Cada vez son máis as voces que demandan a súa dimisión, incluído o propio alcalde de Madrid, o popular José Luis Martínez-Almeida, e esta quinta feira a prensa quixo trasladar tamén a cuestión ao presidente do PP, Alberto Núñez Feixoo, que se sumou ao rexedor sinalando a conduta de "reprochábel" e "inadmisíbel".

Feixoo, con todo, puxo un 'pero' á súa condena —a mesma, por outra parte, que Alfonso Rueda negou á presunta agresión dun edil do PP a outra socialista en Cangas—: a "dobre moral" da esquerda. "O que non acepto son as falsidades nin as dobres morais", dixo, facendo alusión a que "o mesmo partido [Más Madrid, integrado no Congreso en Sumar] que agora pide ao señor Ortega Smith a máxima responsabilidade aplaudiu este tipo de actuacións, máis graves se cabe, no Parlamento galego". Referíase á coalición Alternativa Galega de Esquerda liderada naquela altura por Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras e o famoso golpe do nacionalista no escano do daquela presidente da Xunta da Galiza no tenso pleno do 24 de abril de 2013.

Uns días antes, o 31 de marzo, os xornalistas Xosé Hermida e Elisa Lois publicaban en El País a reportaxe 'Feijóo y el contrabandista', ilustrada na capa pola icónica imaxe na que aparece con Marcial Dorado a bordo dun iate no ano 1995 que aínda hoxe acompaña o dirixente popular. Naquela sesión de control ao Goberno galego a relación de Feixoo con Dorado centrou todos os focos, logo de recoñecer previamente na Cámara que mantivera na década dos 90 unha relación de amizade —"limitada a momentos de lecer, nin máis, nin menos"— e que curtou a relación con el "ao coñecer as súas actividades".

Nese contexto enmárcase a lembrada acción de Beiras cando se levantou da súa cadeira para dirixirse á do hoxe ex presidente e recriminarlle cara a cara, e a viva voz, a súa actitude durante o pleno. Núñez Feixoo esquivou as múltiples preguntas das tres forzas da oposición —PSdeG, AGE e BNG—, que lle pedían a dimisión inmediata, e non ofreceu datos concretos sobre os contratos que asinou con empresas de Dorado durante a súa etapa no Sergas.

Foi tras a intervención do portavoz do Bloque, Francisco Jorquera, cando a tensión escalou ao seu nivel máis alto. "Só lle queda facer dúas cousas. Ou sacar o zapato, ou emocionarse tanto, tanto, tanto, para ver se imita tanto ao que non asume estas cuestións", trasladoulle ao nacionalista, con dúas alusións directas a Beiras: a primeira, referida a cando en 1993, no marco da reforma electoral impulsada por Manuel Fraga para elevar de 3 a 5% o limiar de votos mínimo en cada circunscrición e limitar os tempos de intervención no Parlamento, para cuestionar zapato en man —emulando o dirixente soviético Nikita Khruschev en 1960 durante a Asemblea Xeral da ONU— o que consideraba un ataque á democracia; a segunda, lembrando unha intervención previa na Cámara galega, tamén sobre Feixoo e Dorado, na que o daquela dirixente de Anova non puido evitar emocionarse.

E Xosé Manuel Beiras, por alusións, respondeu. Plantouse diante do presidente galego para lle exixir "algo de ética". "Teña un pouco de decencia! Non é digno de ser presidente dos galegos", espetoulle a Feixoo, ante a atenta mirada do actual mandatario, Alfonso Rueda. A presidenta do Parlamento, a popular Pilar Rojo, censurou a actitude de Beiras e chamouno á orde. Mais foi o propio deputado de AGE o que decidiu abandonar o hemiciclo: "Marcho, isto non hai Dios que o aguante [...] Crese vostede xuíz de todo o país?".

Do "non había Google" ao "era un contrabandista

A relación entre Feixoo e Dorado irrompeu con forza na recta final da campaña das eleccións estatais do pasado 23 de xullo, co socialista Pedro Sánchez avivando especialmente a maior pantasma do pasado do líder popular. Preguntado a catro días dos comicios en La Sexta por se o "medo" a que os demais partidos utilizasen o contrabandista para cargar contra el era o motivo polo que eludía acudir ao debate daquela noite en RTVE, Feixoo dixo estar "canso" da polémica e afirmou que nos 90 descoñecía as actividades ilícitas de Marcial Dorado, malia que xa copara portadas da prensa estatal pola 'Operación Nécora', porque daquela "non había Google".

E só dous días despois, a falta doutros dous para as eleccións, deu un pequeno xiro ao seu discurso asegurando ante os micrófonos da Cadena COPE que sabía que Dorado fora "un contrabandista, mais nunca narcotraficante" cando o coñeceu. "Hai moitas persoas con fotos con este señor de todos os partidos políticos, e ningún político foi chamado nin sequera a declarar en relación a posíbeis asuntos que tivese pendentes esta persoa", xustificou.

Comentarios