'El País' publica imaxes da "estreita amizade" de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado, hoxe encarcerado

O presidente da Xunta apurou un comunicado explicando a súa versión dos feitos. Afirma que ignoraba as actividades delituosas do seu acompañante, malia que por aquela altura xa o prenderan en dúas ocasións por traficar con tabaco 

 

photo_camera Capa de 'El País' correspondente ao domingo 31 de marzo de 2013


Era de madrugada cando polas redes sociais comezou a se mover o adianto da capa coa que o diario español El País sairía este domingo aos quiosques: unha fotografía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agarrado ao volante do barco dun histórico contrabandista, Marcial Dorado, daquela capo do tabaco e hoxe encarcerado por narcotráfico.

Segundo a versión do xornal, houbo unha xuntanza previa con Feijóo en que este ofreceu a súa versión dos feitos.

Malia todo, tamén de madrugada ficou xa estaba pendurado no portal web do PPdG un comunicado asinado polo titular do Goberno galego en que sinala que descoñecía a actividade delituosa do seu acompañante de embarcación.

Naquela altura, Dorado fora prendido xa en dúas ocasións, en 1983 e en 1990, noutras tantas operacións contra o negocio ilegal do tabaco. A imaxe publicada é de 1995. Anos despois da súa relación co mandatario galego foi detido por narcotráfico e cumpre unha condena de 14 anos de cárcere.

Segundo o relato que ofrece o xornal de Prisa, cando Feijóo coñeceu o contrabandista tiña 34 anos e era o número dous da consellaría de Sanidade, ocupada por José Manuel Romay Beccaría na Xunta que presidía Fraga Iribarne. Feijóo marchou a Madrid un tempo, mais a amizade co narco mantívose e cando voltou a Galiza para dirixir o Insalud o testaferro de Dorado, Manuel Cruz, chófer na Xunta, levou o actual presidente do PPdG e do Goberno galego en repetidas ocasións á mansión que o contrabandista posuía na Illa de Arousa.

Entre 1995 e 1998 Feijóo visitou outras propiedades de Dorado e chegou a navegar a bordo do seu iate insignia, o 'Oratus', que foi intervido anos máis tarde nunha operación contra o blanqueo de diñeiro. O narco prendérono en outubro de 2003 en relación cun cargamento de seis toneladas de cocaína.

Feijóo recoñece indirectamente que sabía dos negocios de Dorado

No comunicado que fixo público, o presidente da Xunta sinala que "rompín o contacto con esta persoa, por indirecto que fose, cando tiven coñecemento de que mantiña causas abertas coa Xustiza". Porén, cando subiu na embarcación en que se tomaran as fotografías Dorado fora prendido en dúas ocasións. Así mesmo, di El País que o xefe do Executivo galego "confiou na palabra dos amigos comúns que lle aseguraron que Dorado xa non se dedicaba ao contrabando de tabaco". Logo Feijóo si sabía que o dono do barco en que paseaba fora contrabandista. 

Tamén recoñece o presidente da Xunta que sabía da existencia das fotografías, desde 2004, cando foron requisadas durante un rexistro da casa de Marcial Dorado. Malia negar calquera relación económica con el e calquera influencia nas súas decisións como cargo público, recalcando que "todas as veces que cadrei con esta persoa foi nun contexto de lecer", Feijóo di ter sufrido ameazas de que as imaxes se filtrarían á imprensa.

Na comunicación oficial que fixo pública non atribúe tales ameazas, mais si que o fixo, segundo El País, na conversa que o xornal mantivo con el previa á publicación das fotos: "asegura que dirixentes do PSOE o ameazaron con difundir as imaxes se o PP non baixaba o ton dos ataques" durante a campaña electoral de 2009. Nos mesmos días o PP si fixo circular unha fotografía en que o daquela vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, descansaba a bordo do iate do construtor Jacinto Rey. Rajoy chegara a pedir a súa demisión.

"Feijóo e o narcotráfico andan aí, aí"

En febreiro de 2011, cando lle preguntaron en rolda de imprensa ao secretario xeral do PSdG, Pachi Vázquez, por unha información publicada tamén polo diario El País relacionada co ex delegado territorial da consellaría de Medio Ambiente en Pontevedra, Evaristo Juncal, quen tería vendido empresas a contrabandistas e capos históricos do narcotráfico na Galiza, Vázquez respostou que "Feijóo e o narcotráfico andan aí, aí".

As fotos de Rajoy nun barco de narcos

En marzo de 2011 outra imaxe dun líder político a bordo dun barco propiedade do clan Os Caneos, implicado no tráfico de drogas, deu moito que falar. Publicárona Xornal de Galicia e Público. Fora tomada o 19 de maio de 2009, dous días antes de que arrincase a campaña para as eleccións europeas e o fotografado era Mariano Rajoy.

O PP explicou que se trataba dun acto político "improvisado" un día antes de arrincar a campaña e alegaron que non tiñan coñecemento de que o 'Moropa', nome do iate, fose propiedade dos narcos. Acrecentaron que "era o único barco que había no peirao" e que unha persoa que quería unha imaxe con Rajoy "suxeriu que era boa idea tomala alí".

Comentarios