VÍDEO

O ultradereitista Ortega Smith agride un edil de Más Madrid no pleno municipal

O concelleiro ultradereitista de Vox admitiu que lle tirou unha botella de auga á cara a Eduardo Fernández Rubiño, mais tentou escudarse en que "estaba baleira" e non houbo "agresión ningunha".
Concelleiros de PSOE e Más Madrid, tras a agresión no Pleno de Javier Ortega Smith. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concelleiros de PSOE e Más Madrid, tras a agresión no pleno de Javier Ortega Smith. (Foto: Europa Press)

Concelleiros dos grupos municipais de PSOE e Más Madrid marcharon esta sexta feira do pleno antes de que chegase á conclusión pola actitude violenta do edil ultradereitista Javier Ortega Smith (Vox), que tirou unha botella ao portavoz adxunto de Más Madrid, Eduardo Fernández Rubiño, á cara", denunciou publicamente a portavoz do principal grupo da oposición, Rita Maestre.

O concelleiro de Vox admitiu que lle tirou ao escano unha botella de auga "baleira", mais puxo en dúbida que fose unha agresión. Fontes de Más Madrid citadas pola axencia Europa Press explicaron que, ao pasar polo escano de Rubiño, Ortega encarouse con el, moveulle os papeis e espetoulle "agora chora", para tirarlle logo a botella de auga.

Ortega Smith provocara a decisión da esquerda de levantarse dos seus escanos despois de pór en dúbida que a familia da socialista Adriana Moscoso —o seu pai foi ministro con Felipe González— fose ameazada por ETA no pasado. "Eu descoñezo a súa historia familiar e vouna dar por certa porque non teño argumentos para dicir que é verdade ou que é mentira. Eu vouna a crer a vostede, créoa. O que eu non sei é como aceptou vostede subir aquí a defender isto", díxolle.

Javier Ortega Smith non renunciará á acta de concelleiro, como lle exixiron PP, Más Madrid e PSOE, e negou agresión ningunha ao concelleiro Fernández Rubiño ao tirarlle sobre o escano "unha botella baleira de auga". "Que se recupere das súas graves lesións o agredido", ironizou, na súa despedida da comparecencia de prensa posterior.

"Probabelmente, como ser humano que son, non debería tirarlle a botella, que por certo estaba baleira. Non houbo agresión ningunha e lamento que algúns, como o alcalde, José Luis Martínez-Almeida, queiran remar politicamente e sacar algún tipo de rédito dicindo que é inaceptábel esta 'agresión'", continuou o ultradereitista.

Comentarios