Jorquera denuncia que no novo xuízo a Dorado figura como imputado un avogado de Pablo Crespo

Un avogado de Pablo Crespo, Félix Pancorbo, figura como imputado no novo proceso que se segue contra Marcial Dorado na Audiencia Nacional. Denunciouno no Parlamento o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, na sesión de control a Feijóo. Narcotráfico. Gürtel. A conexión chámase Félix Pancorbo. Feijóo, fiel a súa táctica, deixou sen contestar as perguntas da oposición. Beiras plantouse diante do seu escano para lle afear a súa conduta.

Beiras, Feijóo e Jorquera
photo_camera Beiras, Feijóo e Jorquera

Na sesión de control ao Goberno, os grupos da oposición tiraron novos dados en relación co escándalo arredor da amizade do presidente da Xunta e o narcotraficante arousán Marcial Dorado. Neste senso, o portavoz nacionalista Francisco Jorquera exixiulle a Alberto Núñez Feijóo que explicase as relacións entre Pablo Crespo (imputado na Operación Gürtel e ex-secretario de organización do Partido Popular) e o narco Marcial Dorado. 

Ao igual que noutras sesións parlamentares o líder do Partido Popular na Galiza optou polo ataque na súa defensa para non ter que respostar ás preguntas formuladas polo PSdeG, BNG e AGE. 

O voceiro do BNG denunciou que o avogado de Crespo, Félix Pancorbo, atópase na actualidade imputado na investigación aberta ao arousán na Audiencia Nacional. De facto, xa fora detido en 2009 vinculado cun alixo de cocaína no barco South Sea (propiedade de Dorado). Pancorbo foi o avogado que deseñou mudanzas na estratexia de defensa de dous dos cabecillas da Gürtel (Crespo e Correa). Aliás, participou na defensa de Augusto Pinochet cando este foi procesado polo maxistrado Baltasar Garzón. 

Malia que os grupos da oposición procuraron que o presidente da Xunta explicase a súa relación co narcotraficante e deitase luz sobre as contradicións nas que ten incorrido o líder do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo rexeitou dar resposta ás preguntas das portavocías arguíndo mesmo "que non o merecen".

O presidente da Xunta non respondeu a ningunha das preguntas da oposición nunha sesión tensa

Ao entender de Núñez Feijóo eran os grupos da oposición as que debían "dar explicacións" [polas axudas que o bipartito deu a empresas de Dorado] polo que as demandou en múltiples ocasións durante as súas quendas de palabra. 

Ningunha das cuestións que prevían ser aclaradas esta cuarta feira no Hórreo se resolveron. Tampouco así se achegaron dados a respeito da contratación da Xunta a empresas de Marcial Dorado durante os anos de goberno de Fraga --como anunciara o propio Núñez Feijóo en comparecencia de imprensa a pasada quinta feira. Tampouco así dos 5.000 euros en contratos concedidos entre 2009 e 2012 polo seu executivo e logo de que o arousán fose encarcerado por narcotráfico. 

Feijóo non explicou os contratos da Xunta con empresas de Dorado durante os anos de goberno de Fraga como anunciara en comparecencia de imprensa

O que si fixo o presidente foi repartir consellos entre as portavocías da oposición: “Señor Vázquez, por que non cala?”, "señor Jorquera non lle debe tanto o BNG. Non faga todo o que lle pide" increpou o presidente aos voceiros de PSdeG e BNG aos que tamén exixiu explicacións polos anos de goberno do bipartito. As aseveracións do mandatario motivaron máis dunha brincadeira desde as bancadas da oposición. "Non bote balóns fóra", lle advertía o líder d@s socialistas Pachi Vázquez ao tempo que ironizaba "aínda vai resultar que fun eu o que lle mercou o iate a Marcial Dorado para que o levase a vostede". 

O "escapismo" do presidente da Xunta --denunciado en múltiples ocasións pola oposición-- espertou o malestar d@s voceiros de BNG, AGE e PSdeG máis tamén d@s deputad@s da Cámara que apuparon ao líder do executivo exixindo deste que cinguise as súas intervencións ás preguntas presentadas polos grupos. Porén, Núñez Feijóo continuou a increpar e bater ás forzas con representación. 

A tensión viviu o seu momento máis álxido no Hórreo cando Xosé Manuel Beiras se dirixiu ao escano do presidente da Xunta para lle exixir "algo de ética" na súa intervención logo das acusacións lanzadas por Núñez Feijóo contra este en resposta ao nacionalista Francisco Jorquera. Após o acontecido, @s populares exixiron á vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, que pedise desculpas pola "actitude" do de Anova mais a deputada limitouse a asegurar que "a única violencia" é a exercida polo Partido Popular. 

Comentarios