VÍDEO

Rueda non ve agresión dun edil do PP en Cangas: "É unha interpretación claramente interesada"

Tamén Paula Prado defende que "ningún vídeo acredita que houbese unha agresión" do concelleiro José Luís Gestido á socialista Iria Malvido.
O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, "non" ve unha agresión nos vídeos do pleno municipal de Cangas (O Morrazo) da semana pasada no que o concelleiro do PP José Luís Gestido se dirixe á bancada da tenente de alcaldesa, a socialista Iria Malvido, cunha actitude agresiva. Preguntado ao respecto polos medios esta terza feira, o tamén líder do Partido Popular na Galiza criticou a "todos os que saen en tromba" a "elevar este clima de crispación e de enfrontamento" a partir dunha interpretación "claramente interesada" das imaxes difundidas por redes sociais.

Aínda que Rueda evitou dar nomes, unha das principais persoas que saíron a criticar a actitude do edil popular foi a ministra portavoz do Goberno estatal, Pilar Alegría. O presidente da Xunta cre que todos eles "dan por suposto unha chea de cousas" que el, "sinceramente", non viu. "Se as vise diríao, non tería ningún problema en recoñecelo, pero é que creo que non as vin", recalcou.

Por iso, Alfonso Rueda recomendou aos socialistas que, "sobre todo no Nadal, se tranquilicen un pouco". O presidente do PPdeG insistiu en que o que hai é unha interpretación "claramente interesada" dun vídeo no que, insistiu, o edil do PP fai "un intento" de "tapar o obxectivo" do móbil da tenente de alcaldesa "despois de advertirlle que non o gravase".

"En xeral, sempre, e moito máis nestas épocas, calquera clima de crispación, calquera clima de tensión, eu creo que non é bo e que estamos noutra cousa, deberiamos estar noutra cousa", subliñou o mandatario galego.

Prado tampouco ve agresión

Tamén quitou ferro á polémica en Cangas a número dous do partido, Paula Prado, que aseverou que "ningún vídeo acredita que houbese unha agresión" por parte do concelleiro popular. A preguntas dos medios tamén hoxe en Santiago, durante a primeira reunión do comité de campaña do PP de cara ás eleccións do 18 de febreiro —que ela dirixirá—, a secretaria xeral sinalou que o episodio se produciu "nun pleno con moitísima tensión, como pode haber ás veces".

Porén, negou tamén que Gestido chegase a agredir Iria Malvido. "Pedimos ao PSOE que deixe de levantar cortinas de fume para tapar a súa responsabilidade en cuestións que afectan os cidadáns de Cangas, neste caso", defendeu Prado.

Comentarios