REMODELACIóN SORPRESA DO GOBERNO, QUE PASA DE 8 A 10 CONSELLARíAS

Feijóo destitúe a conselleira de Sanidade e afasta Rosa Quintana de Medio Rural

Por sorpresa, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anuncia unha remodelación do goberno, que pasa de 8 a 10 consellarías, con dúas grandes mudanzas: a destitución da conselleira de Sanidade, Rosa Mosquera, e a retirada das competencias de Medio Rural á conselleira Rosa Quintana.

feijoo
photo_camera feijoo

Pasadas as 14,30, a Xunta de Galiza emitía un comunicado para anunciar a remodelación sorpresa do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, unha remodelación cuxas mudanzas substanciais son a destitución de Rosa Mosquera como conselleira de Sanidade, dada a polémica e desastrosa xestión do novo hospital de Vigo, e a retirada de competencias a Rosa Quintana como conselleira de Medio Rural pola xestión da crise leiteira, que provocou a indignación de parte da base electoral do Partido Popular nas zonas rurais.

A partir de agora, da Consellaría de Sanidade ocuparase Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. No que respecta á división da Consellaría do Medio Rural e do Mar en dúas, de Medio Rural encargarase Ángeles Vázquez Mejuto, alcaldesa de Melide -lugar onde tivo lugar unha das tractoradas máis importantes do verán-, e de Mar, Rosa Quintana.

Ademais, cos ollos postos nas eleccións de 2016, Feijóo crea unha nova Consellaría de Política Social, dirixida por José Manuel Rey, ex alcalde de Ferrol e director de campaña do PP para as eleccións xerais. Con esta mudanza, Beatriz Mato, até o de agora conselleira de Traballo e Benestar, ocuparase de Medio Ambiente, departamento que era dirixido por Ethel Vázquez xunto con Infraestruturas. Vázquez seguirá a ser a responsábel de Infraestruturas. Traballo, pola súa parte, pasa a ser Emprego e intégrase na Consellaría de Economía, dirixida por Francisco Conde López.

Feijóo, cos ollos postos nas eleccións de 2016

Con estas mudanzas, Feijóo incrementa por vez primeira o número de consellarías, que pasan de 8 a 10. Coa ampliación do número de consellarías, Feijóo faría unha chiscadela a quen espera políticas públicas máis expansivas e menos austericidas. Deste xeito, o presidente da Xunta trata de relanzar a súa acción de goberno coa perspectiva de que, posibelmente, sexa o candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta nas eleccións de 2016, unha vez que a vía madrileña parece que se lle fecha.

 

Estrutura do novo goberno (fonte: Xunta de Galiza)

Presidencia

Alberto Núñez Feijóo

Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Alfonso Rueda Valenzuela

Consellaría de Facenda

Valeriano Martínez García

Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Beatriz Mato Otero

Consellaría de Infraestruturas e Vivenda

Ethel Vázquez Mourelle

Consellaría de Economía, Emprego e Industria

Francisco Conde López

Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Román Rodríguez González

Consellaría de Sanidade

Jesús Vázquez Almuíña

Consellaría de Política Social

José Manuel Rey Varela

Consellaría do Medio Rural

Ángeles Vázquez Mejuto

Consellaría do Mar

Rosa Quintana Carballo

 

 

Comentarios