Pasadas as 14,30, a Xunta de Galiza emitía un comunicado para anunciar a remodelación sorpresa do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, unha remodelación cuxas mudanzas substanciais son a destitución de Rosa Mosquera como conselleira de Sanidade, dada a polémica e desastrosa xestión do novo hospital de Vigo, e a retirada de competencias a Rosa Quintana como conselleira de Medio Rural pola xestión da crise leiteira, que provocou a indignación de parte da base electoral do Partido Popular nas zonas rurais.
A partir de agora, da Consellaría de Sanidade ocuparase Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona. No que respecta á división da Consellaría do Medio Rural e do Mar en dúas, de Medio Rural encargarase Ángeles Vázquez Mejuto, alcaldesa de Melide -lugar onde tivo lugar unha das tractoradas máis importantes do verán-, e de Mar, Rosa Quintana.
Ademais, cos ollos postos nas eleccións de 2016, Feijóo crea unha nova Consellaría de Política Social, dirixida por José Manuel Rey, ex alcalde de Ferrol e director de campaña do PP para as eleccións xerais. Con esta mudanza, Beatriz Mato, até o de agora conselleira de Traballo e Benestar, ocuparase de Medio Ambiente, departamento que era dirixido por Ethel Vázquez xunto con Infraestruturas. Vázquez seguirá a ser a responsábel de Infraestruturas. Traballo, pola súa parte, pasa a ser Emprego e intégrase na Consellaría de Economía, dirixida por Francisco Conde López.
Feijóo, cos ollos postos nas eleccións de 2016
Con estas mudanzas, Feijóo incrementa por vez primeira o número de consellarías, que pasan de 8 a 10. Coa ampliación do número de consellarías, Feijóo faría unha chiscadela a quen espera políticas públicas máis expansivas e menos austericidas. Deste xeito, o presidente da Xunta trata de relanzar a súa acción de goberno coa perspectiva de que, posibelmente, sexa o candidato do Partido Popular á Presidencia da Xunta nas eleccións de 2016, unha vez que a vía madrileña parece que se lle fecha.
Estrutura do novo goberno (fonte: Xunta de Galiza)
Presidencia |
Alberto Núñez Feijóo |
Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza |
Alfonso Rueda Valenzuela |
Consellaría de Facenda |
Valeriano Martínez García |
Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio |
Beatriz Mato Otero |
Consellaría de Infraestruturas e Vivenda |
Ethel Vázquez Mourelle |
Consellaría de Economía, Emprego e Industria |
Francisco Conde López |
Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria |
Román Rodríguez González |
Consellaría de Sanidade |
Jesús Vázquez Almuíña |
Consellaría de Política Social |
José Manuel Rey Varela |
Consellaría do Medio Rural |
Ángeles Vázquez Mejuto |
Consellaría do Mar |
Rosa Quintana Carballo |