Feijóo carga contra a "falta de rigor" da xuíza da Pokémon

O tradicional discurso do PP de respeito e acatamento da xustiza está a pasar a mellor vida consoante avanza a instrución do caso Pokémon.

Feijóo cargou esta terza feira contra a instrutora do caso Pokémon, Pilar de Lara, a quen apón "falta de rigor" ao non impedir o que chamou "filtracións por capítulos".

A estratexia de Feijóo é clara: en primeiro termo, defender os seus; en segundo, pór en cuestión a profesionalidade da xuíza que instrúe o caso Pokémon, após esta semana se ter coñecido que imputa por suborno, entre outros dirixentes políticos, ao presidente da FEGAMP e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, a quen aludiu nestes termos: "Non vou dubidar nen un minuto sobre a súa honorabilidade".

Feijóo di non dubidar "nen un minuto" sobre a honorabilidade do presidente da FEGAMP e alcalde de Ferrol

Na súa comparecencia perante os meios após o Consello da Xunta, Feijóo pronunciouse literalmente nestes termos: "Sen dúbida as filtracións por capítulos [do sumario] non benefician a ninguén; primeiro, pola indefensión que se produce a todos os responsábeis pol´ñiticos e, en segundo, luegar porque dá unha sesnació de falta de rigor na Administración de xustiza, que estou certo de que está preocupada por esa sensación".

Indefensión

A liña de defensa política na que aposta o tamén presidente do PPdeG é a de situar os seus compañeiros de partido -esta semana o asunto tamén salpicou ao portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro- nunha hipotética "indefensión" perante a xuíza.

Con todo, concedeu Feijóo que é "entendíbel" e "absolutamente razoábel" que De Lara queira tomar declaración ás persoas que aparecen nas conversas gravadas por Vixiancia Alfandangueira.

comentarios