Feijóo afronta a súa investidura coa sombra do TSXG

Alberto Núñez Feijóo será investido presidente da Xunta de Galiza o vindeiro 29 de novembro. As sentenzas ditaminadas polo TSXG sobre o decreto do plurilingüismo e o concurso eólico ensombrecen a súa toma de posesión e anulan dúas das súas promesas cumpridas durante os últimos catro anos de goberno.

Alfonso Rueda e Núñez Feijóo
photo_camera Alfonso Rueda e Núñez Feijóo

A Cámara galega vai collendo forma e o curso político, após a constitución do Parlamento, está a piques de comezar. Neste senso, despois da protocolaria rolda de contactos entre a presidenta, Pilar Rojo, e os voceiros das catro forzas políticas con representación parlamentar; a vindeira semana, Alberto Núñez Feijóo será, oficial e formalmente, investido como presidente da Xunta de Galiza. Neste senso, os votos en contra de BNG e AGE e a abstención do PSOE, non evitarán que @s 41 deputad@s do Partido Popular re-elixan presidente a Feijóo.

Porén, a súa renovación como líder do executivo galego, estará marcada por senllas sentenzas do TSXG que tombaron dous dos seus proxectos estrelas na anterior lexislatura: o decreto do plurilingüismo e a anulación do concurso eólico aprobado polo anterior goberno bipartito.  

O TSXG anula as dúas promesas electorais cumpridas por Feijóo

Alberto Núñez Feijóo, abandeiraba o seu programa electoral nos comicios de 2009 con dúas ideas forza que agora fican anuladas por senllas sentenzas do Tribunal superior de Xustiza. A suspensión  do concurso eólico posto en marcha polo bipartito respondía –segundo o daquela candidato á presidencia da Xunta-- a unha suposta ilegalidade cometida pola Consellaría de Industria. No entanto, en agosto deste mesmo ano o TSXG aseguraba na súa sentenza que a estrutura xurídica empregada polo goberno da Xunta para perpetrar a devandita suspensión”, incorría en “vicios de ilegalidade” e mesmo, acusaba ao goberno galego de emregar “a suspensión cautelar” con fins partidarios encamiñados a cumprir cos obxectivos do Partido Popular. A cousa non ficaba aí, e a Xunta tería que afrontar unha demanda por indemnización patrimonial e mesmo por danos e prexuízos que no caso dunha das empresas afectadas pola anulación do concurso, podería ascender ao pagamento de 14 millóns de euros.

Aliás, a sentenza, aseguraba os membros da Xunta de Galiza responsábeis da estrutura xurídica que sostiña a suspensión e parálise do concurso terían incorrido en delictos penais como a prevaricación ao empregaren argumentos falaces e manipulacións para xustificaren as súas decisións. Entre as persoas afectadas por un proceso xudicial ainda en marcha, atópase a directora xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galiza ou o secretario xeral da consellaría de Industria, naquela altura.

 No entanto, en campaña electoral, Feijó09 aseguraba que o seu goberno racharía coa “imposición do galego” nas escolas e respectaría a decisión das familias que serían as encargadas de elixiren en que lingua serían educadas as súas crianzas. A través da promulgación do Decreto 79/2010, Alberto Núñez Feijóo atopouse cunha forte resposta social que se opuña á desaparición do galego das escolas, pois en materias como matemáticas, tecnoloxía ou física e química, o galego ficaba, simplemente, excluído das aulas. Milleiros de persoas percorreron en diversas ocasións as rúas de Galiza para exixiren a recuperación do Plano de Normalización Lingüística e o mantemento, por parte do goberno da Xunta, das políticas de normalización lingüística que lle eran exixidas polo Estatuto de Galiza e a Lei aprobada en 1983 para a normalización de usos do galego. Ao abeiro destas mobilizacións masivas xurdiron diversas Plataformas na defensa do galego e do dereito a que este fose empregado en calquera ámbito –nomeadamente, no público. 

A sentenza feita pública polo TSXG a pasada quinta feira deixa claro que os artigos 5,2 e 12,3 do decreto aprobado pola Xunta de Galiza “é contrario a dereito” e polo tanto deben ser anulados. Xa que logo, a xustiza declara “ilegal” as consultas que o goberno galego desenvolvía entre as familias para que fosen elas as que determinasen en infantil e primaria a lingua vehicular do ensino. Malia a clareza e rotundidade da sentenza a Xunta de Galiza fixo ouvidos xordos e segurou que continuaría adiante coas consultas e, mesmo, aseverou que a resolución do Tribunal “avalaba” a política desenvolvida polo executivo en materia de lingua.

Neste senso, o presidente en funcións ía aínda máis lonxe e afirmaba que o TSXG “reforzaba”coa súa decisión a política do seu executivo e rebaixaba a responsabilidade do aínda conselleiro de educación en funcións, Jesús Vázquez Abad, quen se negaba a dimitir malia as demandas dos grupos da oposición e das organizacións a prol da lingua.  

O discurso de investidura que Núñez Feijóo pronuncie na toma de decisión do vindeiro día 29 terá que afrontar –a máis dos incumprimentos do seu anterior programa de goberno-- as sentenzas en que a xustiza anulou as dúas promesas cumpridas.

Comentarios