Feijóo admite agora a posibilidade de a Xunta pedir o rescate

O presidente do executivo galego muda de opinión e defende que Galiza acuda ao fondo de rescate "se obtén mellores condicións que no mercado".
Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy PP
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy

A Galiza solvente, autónoma. A Galiza que paga e non pide rescates pregoada por Alberto Núñez Feijóo podería claudicar fronte aos intereses do goberno español.

Neste senso, a pasada terza feira, o presidente da Xunta de Galiza, aseguraba nunha entrevista concedida á radio española (RNE) que --malia os seus compromisos reiterados-- valoraba a posibilidade de acudir ao Fondo de Liquidez autonómico (FLA) habilitado polo executivo español se "o Tesouro ofrece mellores condicións de financiamento que o mercado", asegurou Núñez Feijóo.

"Acudiremos ao Fondo de Liquidez se o Tesouro ofrece mellores condicións de financiamento que o mercado"

Coas súas declaracións o líder do executivo abre as portas ao rescate da economía galega e á conseguinte perda de autonomía que el propio criticaba durante a campaña electoral cando interpelaba o president da Generalitat, Artur Mas, asegurando que "hoxe Galiza paga e Catalunya pide". Aliás, nos últimos días, tanto o presidente da Xunta como algúns dos membros da súa equipa, negaban de maneira tallante que o noso país acudise ao fondo de rescate argüíndo que a economía galega era "solvente" grazas á "boa xestión do goberno galego", como afirmou a conselleira de Facenda, Elena Muñoz.

Porén, Alberto Núñez Feijóo procurou suavizar as súas declaracións asegurando que a solicitude do crédito proporcionado polo Estado español só se levaría a cabo "para mellorar as condicións" que lle impoñen a Galiza os mercados financeiros, ao tempo que recuncou nas cifras para asegurar que a economía galega "non ten problemas".

"Os galegos terán que realizar máis sacrificios"

No entanto, diversas voces apuntan unha presión exercida desde o executivo de Mariano Rajoy aos baróns do PP á fin de que estes --accedendo ao rescate-- condicionen as súas contas públicas aos intereses de Madrid. As condicións derivadas do FLA permitirían ao goberno español gañar control e mesmo impor subas de impostos, o que lle outorgaría unha maior capacidade de manobra para aplicar os ditames deseñados en Bruxelas.

Así as cousas, e malia a postura defendida na Xunta de Galiza, o presidente do executivo advertiu que "os galegos terán que realizar máis sacrificios" ao longo deste ano. Alberto Núñez Feijóo avanzaba así a chegada de novas medidas de axuste.

Comentarios