18-F

Faraldo inicia a campaña electoral convencida de que “pode haber cambio”

A formación morada elixiu o barrio natal da súa candidata, Labañou, para realizar o tradicional acto de pegada inicial

Isabel Faraldo, esta madrugada, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Isabel Faraldo, esta madrugada, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, elixiu o seu barrio natal, o coruñés Labañou, para dar o disparo de saída á carreira electoral de cara ao 18 de febreiro.

Acompañada de integrantes da candidatura pola circunscrición da Coruña, así como de militantes da formación morada, Faraldo iniciou unha campaña na que Podemos apelará á "xente común" ao demandar o apoio a este partido nas eleccións galegas, nas que concorrerán co lema “Defende as túas ideas”.

“Nestes dez anos de percorrido con Podemos, nunca imaxinei que algún día me podería presentar como candidata á Xunta da Galiza”, afirmou esta madrugada Faraldo. “Mais fágoo desde a responsabilidade, desde o compromiso e desde a convicción”, engadiu.

“Estamos convencidas de que esta vai a ser unha campaña que ten as posibilidades de reverter a situación da Xunta da Galiza. Estamos convencidas de que pode haber cambio e estamos máis convencidas aínda de que ese cambio non vai a ser o mesmo se non é con Podemos dentro das institucións”, dixo a candidata.  

Estamos aquí para entrar e levar a voz da xente ao Parlamento da Galiza”, concluíu Faraldo.

Ficaría fóra do Parlamento, segundo o CIS

Segundo a última enquisa publicada polo CIS, que mostra un PP a piques de perder a maioría absoluta, Podemos non tería opcións de obter representación parlamentaria, con 0,4% de estimación de voto.

A preguntas das xornalistas a respecto da enquisa do CIS que viu a luz a quinta feira, 25 de xaneiro, a candidata de Podemos respondeu que “a única enquisa da que nos fiamos son as urnas”, afirmando que están “traballando con intensidade”, “convencidas de que as galegas e os galegos van recibir ben este proxecto”.

Comentarios