18-F

Podemos denuncia as condicións de traballo no sector do telemárketing

“A reforma laboral ficou curta”, afirma a súa candidata, Isabel Faraldo

Faraldo reuniuse esta quinta feira con traballadoras do sector do telemárketing. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Faraldo reuniuse esta quinta feira con traballadoras do sector do telemárketing. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, mantivo esta quinta feira unha xuntanza con traballadoras da empresa de telemárketing Teleperformance.

A candidata da formación morada destacou a importancia do sector que “só na comarca da Coruña ten máis de 5.000 traballadoras e traballadores”

Faraldo sinalou que entre as principais problemáticas do sector está “a precarización das súas condicións laborais” en termos de horarios e de contratos a tempo parcial. Asemade, a candidata denunciou que os salarios percibidos no sector son insuficientes “para poder levar unha vida estábel e digna”.

Tamén denunciou que “este sector ten sempre enriba o problema da deslocalización, con holdings de telemárketing que teñen beneficios de centos de millóns de ganancias anuais, e que teñen as traballadoras e os traballadores en condicións case de escravitude”. Para Faraldo  “a reforma laboral ficou curta, moi curta para este sector”.

Inicio da campaña

A candidata de Podemos a presidir o Goberno galego elixiu o seu barrio natal, Labañou, na cidade da Coruña, para dar o disparo da campaña electoral coa que a formación morada aspira a entrar no pazo do Hórreo.

Tamén noutras cidades do país as candidatas da formación morada participarán nas coladas iniciais destas eleccións galegas. Así, Carmen Berzosa estará na viguesa Porta do Sol; Ximena Cheda, na praza da Constitución de Lugo; e Víctor Ferreiro, no parque de San Lázaro de Ourense.

Comentarios