18-F

"Defende as túas ideas": este é o lema co que Podemos apela ao apoio da "xente común"

Isabel Faraldo referiuse á "xente ordinaria facendo cousas extraordinarias, como no 15-M".

Isabel Faraldo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Isabel Faraldo, esta cuarta feira, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A candidata de Podemos á Presidencia da Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, apelou á "xente común" ao demandar o apoio a esta formación nas eleccións galegas, nas que concorrerán co lema “Defende as túas ideas”.

"Por enriba de todo está non renunciar nunca ás ideas", expuxo nunha rolda de prensa, na que pediu o respaldo da cidadanía "para elevar a voz da xente común ao Parlamento galego. Xente ordinaria facendo cousas extraordinarias, como dicíamos no 15-M".

Fíxoo na presentación da campaña desta formación, “Defende as túas ideas”, na que reivindicou os e as integrantes desta candidatura como "xente do común", que non está "profesionalizada na política" e que "non se sentía representada polas formacións políticas".

"Hai outra maneira de facer as cousas, por enriba de todo está non renunciar ás ideas", recalcou para as próximas eleccións galegas.

Delas, dixo que "por encima de calquera outro cálculo electoral, o principal é defender as túas ideas" buscando outra "maneira de facer as cousas" en relación a "esas queixas que levamos na familia, no círculo de amigos, no laboral, cando nos queixamos da xestión da sanidade pública, dos pellets ou da vivenda".

Sobre a apertura da campaña, precisou que a fará esta quinta feira, ás doce da noite, na Coruña, na zona do Millenium, no barrio onde naceu e do que reivindicou a súa orixe "obreira".

Comentarios