Polémica na Cámara polo uso "electoralista" de actos da Xunta

Críticas ao Goberno galego por "promover candidatos" do PP.
No centro, Diego Calvo, no acto en que non se convidou Lores. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera No centro, Diego Calvo, no acto en que non se convidou Lores. (Foto: Xunta da Galiza)

A deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo acusou esta cuarta feira a Xunta da Galiza de "falta de respecto institucional e ataque á democracia" ao non convidar a actos en municipios a alcaldes que non son do Partido Popular (PP), pero si a portavoces municipais populares. Para a socialista, o PP está usar a Xunta como "plataforma de publicidade electoral para os candidatos municipais do Partido Popular".

No pleno do Parlamento da Galiza, Rodríguez Rumbo relatou unha listaxe de actos con diferentes conselleiros e conselleiras nos que a Xunta non convidou alcaldes e alcaldesas, pero si houbo edís ou candidatos populares ás municipais. Uns feitos que os socialistas consideran un "uso partidista" das institucións. "Están aproveitando actos do Goberno galego para darlle promoción os seus candidatos", reprochou a socialista na sesión plenaria.

Así, Rodríguez Rumbo enumerou casos como Ferrol, Forcarei (comarca de Terra de Montes), Viveiro (Mariña Occidental), Vilalba (A Terra Chá), Moaña (O Morrazo) ou, tal e como recolleu Nós Diario, Santiago de Compostela e Carballo (Bergantiños).

De feito, a socialista reprochou ao vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, un evento recente no que fixo entrega de material deportivo en Pontevedra, ao cal acudiron concelleiros populares, pero non se convidou o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).

"Libres de convidar a quen queiran"

Sobre o acto de Pontevedra ao que fixo mención a deputada socialista, Calvo dixo que nesas entregas de material nunca se convida os alcaldes, se ben os clubs son "libres de convidar quen queiran". "Se unha entidade non convida o alcalde, non é porque nós lle digamos que non o convide", engadiu o vicepresidente segundo.

Comentarios