obituario

Falece aos 59 anos Rubén Quintá, ex alcalde de Rodeiro

Foi concelleiro da corporación desde 2010 e alcalde entre 2021 e 2023, tras a dimisión de Luís López para ser delegado da Xunta en Pontevedra.
Rubén Quintá, á dereita, nun encontro co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en 2021. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera Rubén Quintá, á dereita, nun encontro co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en 2021. (Foto: Xunta da Galiza)

O ex alcalde do municipio de Rodeiro (Deza) Rubén Perfecto Quintá faleceu este sábado aos 59 anos de idade. O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, natural desta localidade e que tamén foi rexedor do municipio, lembrou Quintá como un "grande alcalde" e un "grande amigo, nobre e xeneroso cos demais".

"Inmensa tristeza ao coñecer que despedimos, prematuramente, a Rubén Quintá", publicou na súa conta na rede social X. Quintá, gandeiro de profesión, foi tesoureiro da sociedade de caza e pesca de Rodeiro e no 2007 concorreu co PP ás eleccións municipais, pero non foi até 2010 cando formou parte da corporación municipal como concelleiro de Medio Ambiente.

Finalmente, foi elixido alcalde en marzo de 2021 tras a dimisión de Luís López, para ser delegado da Xunta da Galiza en Pontevedra. Nos comicios do pasado ano perdeu a Alcaldía tras sumaren maioría Unión por Rodeiro e PSdeG, deixando o cargo en mans do socialista José Luis Camiñas, quen tamén trasladou as súas condolencias polo pasamento de Quintá.

Comentarios