RAFAEL CUíñA, ALCALDE DE LALíN

"Se falamos con IU por que hai que excluír o PSdeG?"

Sermos entrevista, no seu número 190, Rafael Cuíña, alcalde de Lalín e dirixente de Compromiso por Galicia. A reformulación do nacionalismo e a forma de concorrencia ás próximas eleccións galegas son os elementos nucleares da conversa. Eis un avanzo dunha entrevista que na súa íntegra tes a golpe de clic, no enlace da nosa loxa.

Rafa Cuíña. 4 abril 2016
photo_camera Rafa Cuíña, nas rúas de Santiago.

Xa estamos en calendas pre-eleitorais e inevitabelmente toca pronunciarse. Nas xerais, Compromiso optou por non apresentar candidatura. Que cres que debería facer agora nas galegas?

Eu apoiei no seu momento a Iniciativa pola Unión e a candidatura de Nós, que non saíu ben. Cada elección ten os seus componentes diferenciais. Eu quería un grupo galego no Parlamento español. O tempo demostrou evidentemente que isto non era posíbel [coa fórmula da Marea] fronte ao que prometían os que dicían que si o era. Agora o que toca é facer un esforzo claro de xuntarse para que o que levamos dicendo desde hai moito tempo, rematar coas políticas do PP, sexa posíbel. Compromiso ten que sumar para logo multiplicar. Xa sexa coa Marea -aínda que non valería en calquera circunstancia, habería que falalo- ou con outras organizacións.

miniatura_politica (1) E quero dicer claro que eu non descarto, aínda que no meu partido isto non goste demasiado, abrir posibilidades de falar co Partido Socialista. Aquelas candidaturas que teñan posibilidades de, sumando, eliminar as políticas que queremos combater, teñen que ser tidas en conta, non se poden descartar. Non entendo por que se pode abrir conversas con IU, que é un partido tan español como o PSOE, e non co Partido Socialista, cando en moitos concellos moitos estamos gobernando con eles e moi cómodos.

A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no número 190 do Sermos Galiza, xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Comentarios