Exixen a comparecencia de Feijóo pola sentenza sobre o concurso eólico

O BNG exixe a Feijóo comparecer nunha sesión extraordinaria no Parlamento para explicar o proceder na suspensión do concurso eólico, despois de se coñecer a sentenza do TSXG. CxG e Anova exixen tamén responsabilidades políticas inmediatas.

Esta quinta o candidato á Xunta de Galiza polo BNG, Francisco Jorquera, exixiu a comparecencia parlamentar do presidente Alberto Núñez Feijóo para explicar "a decisión manifestamente ilegal de suspender o concurso eólico" do bipartito.

Após coñecer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, o candidato nacionalista demandou a convocatoria dunha sesión parlamentar extraordinaria onde o presidente da Xunta "dea conta das responsabilidades que se derivan" do seu proceder na suspensión e paralización do concurso eólico. O TSXG di na súa sentenza que a estrutura xurídica desenvolvida pola Xunta de Núñez Feijóo para xustificar a suspensión e parálise do concurso incorre en "vicios de ilegalidade" e nunha desviación de poder que custará importantes indemnizacións patrimoniais á administración galega.

Para @s nacionalistas o ditame do tribunal deixa claro que a decisión do goberno galego "foi unha decisión partidaria, irresponsábel, antolladiza e manifestamente ilegal", polo que exixen a comparencia do presidente. Asemade, aseguran que a parálise do concurso tivo "graves consecuencias para Galiza".

Pola súa banda, Compromiso por Galicia (CxG) insiste en que "deben existir responsabilidades políticas inmediatas derivadas de tal circunstancia" e exixe que o presidente Alberto Núñez Feijóo compareza publicamente xunto co conselleiro de Industria, Javier Guerra. Así mesmo, Anova-Irmandade Nacionalista asegura que a sentenza do TSXG supón "unha constatación máis da traizón da brigada de demolición do PP na Galiza" que supuxo a destrución dun sector emerxente, polo que exixen o cesamento ou dimisión do conselleiro de Industria.

Comentarios