A executiva local do PSdeG en Salvaterra do Miño dimite en bloque polos "malos resultados" nas eleccións galegas

O organismo do PSdeG en Salvaterra do Miño criticou a convocatoria "exprés" dun congreso extraordinario por parte da executiva nacional, ao considerar que "unicamente permitirá o cambio de caras mais non o debate interno".
Valentín González Formoso durante o pasado congreso do PSdeG na Coruña (Foto: Europa Press).
photo_camera Valentín González Formoso durante o pasado congreso do PSdeG na Coruña (Foto: Europa Press).

A executiva municipal do PSdeG en Salvaterra de Miño (comarca do Condado) acordou anunciar a súa dimisión en bloque tras os "malos resultados" obtidos pola formación nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.

Nesta cita coas urnas, con José Ramón Gómez Besteiro como candidato á Presidencia da Xunta da Galiza, o PSdeG obtivo o seu peor resultado histórico, con só nove escanos no Parlamento da Galiza, cinco menos que os alcanzados nos comicios de 2020.

Nun comunicado remitido aos medios, a agrupación local sinalou que as eleccións supuxeron "a perda de 400 votos en Salvaterra, (sendo aínda así, o mellor resultado porcentual das comarcas do Condado e da Paradanta, con 15,50%), e que se traduciu na perda de cinco deputados no Parlamento galego, dous deles na circunscrición de Pontevedra”.

Ademais, a executiva municipal criticou a convocatoria "exprés" dun congreso extraordinario por parte da executiva nacional, ao considerar que "unicamente permitirá o cambio de caras mais non o debate interno".

"Un congreso exprés non favorece a participación da militancia, polo que estariamos a falar dunha fraude de lei, xa que nos propios estatutos do partido indican que se promoverá a participación dos militantes, cousa que non se dá nesta convocatoria", advertiu a agrupación do PSdeG no comunicado.

"Ante esta ausencia de responsabilidades", a executiva municipal socialista sinalou que a militancia de Salvaterra do Miño acordou a dimisión da súa executiva, que "seguirá traballando por un PSOE forte na localidade".

Por último, apuntaron que os catro concelleiros socialistas do municipio que actualmente forman parte da Corporación de Salvaterra do Miño seguirán prestando o seu labor como líderes da oposición, "traballando polo interese xeral dos veciños".

Comentarios