As eleccións a ollos de... Marilar Aleixandre

“O estado do benestar na UE está en perigo pola extrema dereita”

A escritora Marilar Aleixandre alerta ante a dupla cita electoral do 26 de maio sobre os perigos que entraña o ascenso da extrema dereita en Europa e considera preciso dar un xiro social á UE, apuntalando o estado do benestar e os servizos públicos.

marilar aleixandre- xerais
photo_camera Marilar Aleixandre [Imaxe: Xerais]

Segue con atención a campaña das eleccións europeas?

É difícil porque todos os medios están centrados nas eleccións municipais e non prestan atención ás europeas. Ademais, todo o meu tempo destes días de maio ocupouno o traballo relacionado coas Letras Galegas.

Cales considera que son as prioridades de Galiza en relación á Unión Europea?

Hai unha problemática que me preocupa moito que é o ascenso dos partidos de extrema dereita. Isto aféctanos a todas e todos, pois aínda que en Galiza Vox non teña case impacto, precisamos dunha Unión Europea máis social e non centrada en solucionar a vida aos bancos.

A enerxía é outro dos desafíos en Galiza e en todo o mundo, relacionado co crecemento global e o cambio climático

Ademais, na medida en que a  extrema dereita gañe posicións na correlación de forzas no Parlamento Europeo, vai ser máis difícil dar un xiro social a Europa. E isto afecta tamén por exemplo a algo moi importante para Galiza como é o agro. De feito, a UE destina axudas económicas ao rural que as levan terratenentes que nin sequera saben distinguir unha planta doutra.

A enerxía é outro dos desafíos en Galiza e en todo o mundo, relacionado co crecemento global e o cambio climático. Isto afecta os cultivos, a saúde, as reservas de auga e encoros... a UE debería tomar un liderado nisto e facer unha aposta a curto prazo para que a produción enerxética non dependese dos combustíbeis fósiles. Galiza ten moitas potencialidades nisto como é a enerxía eólica e solar. Ademais, coma produtores, Galiza debería contar con condicións e bonificacións que facilitasen o traballo nas empresas electrointensivas.

Cara a onde debe camiñar a Unión Europea?

A UE é, a pesar de todos os problemas que ten e dos recortes realizados, o espazo de máis democracia e benestar do mundo, sobre todo se o comparamos con EEUU ou Asia. Eu traballei en Sudamérica e nos EEUU e, agás algún caso como o de Cuba, alí nin se imaxinan a sanidade pública que temos na maioría dos países europeos.

A UE é, a pesar de todos os problemas que ten e dos recortes realizados, o espazo de máis democracia e benestar do mundo

Todo isto está en perigo coa dereita. No Estado español, por exemplo, o PP avanzou moito nos últimos anos no estabelecemento do ensino privado, tanto o primario como secundario e universitario. Isto vémolo cando nos decatamos de que non hai unha nova universidade pública no Estado desde hai 21 anos, mentres medran as privadas que, por certo, teñen unha calidade ínfima. Ese negocio en que se converteu a educación está avanzando e o PP tamén quixo facer o mesmo coa sanidade.

O estado do benestar das últimas décadas do século XX está sendo desmantelado polo capital, converténdoo nun negocio con consecuencias perigosas para a poboación. O único bastión onde se conserva ese estado do benestar é a Unión Europea e é a única que o pode defender.

Comentarios