venres 10.07.2020

Esquerda Unida exixirá responsabilidades legais polas acusacións de manipulación do censo de En Marea

Esquerda Unida sae en defensa do Comité Electoral de En Marea e carga contra a Coordinadora por "obstruír" o proceso de eleccións internas. Advirte de que pedirá "responsabilidades políticas e legais" dadas as acusacións de "manipulación" do censo electoral que afectan membros das súas filas.

Eva Solla é coordinadora nacional de EU
Eva Solla é coordinadora nacional de EU

Na mañá do sábado Esquerda Unida emitiu un comunicado aos medios en que sinala que descoñece os informes das auditorías contratadas pola dirección de En Marea -e que a Coordinadora anunciou que presentará na Fiscalía-, con que criterios se contrataron, quen as levou a cabo e cal é o contido das súas resolucións.

“Nesta situación de desinformación estamos a presenciar elucubracións malintencionadas vertidas nos medios e lamentamos que as declaracións rematen en acusacións que atacan, difaman e calumnian a nosa organización”, afirma o partido.

Diante das acusacións de “acceso, manipulación e copia de datos do censo” que afectan Esquerda Unida, o partido informa de que actuará "en consecuencia e esixindo responsabilidades políticas e legais”. “A obstrución continua á que a dirección de En Marea está sometendo o espazo político de En Marea é unha expresión da derrota política e do lastre que supón para a unidade popular o uso de prácticas máis propias doutras épocas e doutros espazos”, sinala o comunicado.

O partido pon de manifesto que o proceso electoral foi enturbiado “polas actuacións irresponsábeis e interesadas de quen cre ostentar o poder”.

comentarios