En pleno momento álxido da crise polo incidente de Paula Quinteiro optou polo silencio, o que non foi ben entendido por todas e todos, mesmo dentro de En Marea...
Debido ás funcións que ocupo dentro do espazo político, debo ter unha lealdade, dar a opinión dentro dos órganos de En Marea. Tamén debo evitar precondicionar os órganos colexiados dando a miña opinión fóra. E debía ter prudencia mentres se tentaba procurar unha solución a esta situación.
Pensou en demitir?
Quen ten que asumir responsabilidades por eses feitos é quen orixinou a situación, será a esa persoa [por Paula Quinteiro] a quen haxa que pedir responsabilidades políticas.
Se Quinteiro non demite, mantén sobre a mesa a carta de ir a unha consulta entre as persoas inscritas para que elas decidan o futuro da deputada?
Non son de utimatos. Non gosto de falar de datas concretas para que [Quinteiro] tome unha decisión. Cómpre prudencia, reflexión e apelar á responsabilidade e madurez política de cadaquén. Eu confío en que esa madurez política fará que non sexa necesario arbitrar calquera outro tipo de solución ou medida.
Pódese seguir a ser portavoz parlamentar dun grupo parlamentar onde a gran maioría das súas deputadas e deputados están contra a proposta de demisión de Paula Quinteiro que si pide o portavoz?
Evidentemente. Nós non só somos diversos, senón que facemos bandeira da diversidade. É máis, en nome desa transparencia damos debates que non nos importan que transcendan, este é un debate máis. Nin é o primeiro nin é o último, con certeza. O espazo político de En Marea funciona razoabelmente ben e por unha razón, porque cultivamos os puntos en común. O que non signfica que non haxa discrepancia.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 291 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]