Espazo Común presentarase nunha vintena de concellos coa "maioría" de candidaturas formadas por ex socialistas

"Somos xente que por un ou outro motivo abandonamos as filas do Partido Socialista, pero non abandonamos a nosa identidade socialdemócrata e socialista", defende Pachi Vázquez.
Pachi Vázquez, fundador de Espazo Común e ex líder do PSdeG-PSOE. (Foto: EC)
photo_camera Pachi Vázquez, fundador de Espazo Común e ex líder do PSdeG-PSOE. (Foto: EC)

Espazo Común, o partido fundado polo que fora secretario xeral do PSdeG-PSOE entre 2009 e 2013, Manuel 'Pachi' Vázquez, fechou até o momento candidaturas nunha vintena de concellos das circunscricións da Coruña, Ourense e Pontevedra de cara ás eleccións do próximo 28-M, "a maioría" delas integradas por persoas con pasado, igual que o propio Vázquez, nas filas socialistas.

Desde a pasada cuarta feira 19 de abril e até a vindeira segunda, día 24, está aberto o prazo para que as organizacións políticas presenten as súas candidaturas ante as xuntas electorais de zona. De cara a estes comicios locais, Espazo Común presentarase na circunscrición coruñesa con marca propia nos concellos de Santa Comba, Ames, Tordoia, Mazaricos, Teo e Ponteceso. Aliás, traballa para tentar fechar acordos de última hora en Ordes.

En varios destes casos a lista de Espazo Común estará integrada por antigos concelleiros do Partido Socialista. Este é o caso de caso de Santa Comba, onde o que fora edil socialista até que apoiou a moción de censura que deu a Alcaldía aos populares en 2021 —resultando expulsado do PSOE— José Antonio Ucha Velo, anunciou que competirá polo bastón de mando baixos encabezando a formación de Pachi Vázquez no municipio.

Situación similar deuse o pasado 24 de marzo en Ames (comarca de Santiago), onde a até entón portavoz local dos socialistas, Luisa Feijóo, informou de que se presentaría á Alcaldía por Espazo Común, após os seus desencontros co actual alcalde, Blas García. Nesta mesma circunscrición, a formación de Pachi Vázquez tamén participará nas candidaturas que Unidade Local presentará na propia cidade da Coruña, así como nos municipios de Arteixo, Culleredo e Cambre.

En Pontevedra, a ex concelleira de Ciudadanos María Rey será a candidata á Alcaldía de Espazo Común. Ademais, o partido de Vázquez presentará candidatura na Guarda, unha lista que estará encabezada polo que fora candidato de Converxencia Galega, Celso Rodríguez Fariñas.

Ademais, na circunscrición de Ourense, o propio Pachi Vázquez volverá competir polo Concello do Carballiño con estas novas siglas, onde en 2019 obtivo tres dos 17 escanos en xogo. Tamén presentarán listas en Piñor, San Amaro, Amoeiro, Laza e Carballeda de Valdeorras. Outro ex edil socialista, Ricardo Sobrino Blanco, será o candidato desta formación á Alcaldía de Laza. A formación, aliás, traballa para presentar candidatura en Xinzo de Limia.

Pachi Vázquez: "Hai un espazo dentro do socialismo na Galiza para un grupo de xente que, aínda sentíndose coa mesma ideoloxía, non está no Partido Socialista"

En declaracións á axencia Europa Press, Pachi Vázquez explicou que "a maioría" dos integrantes de Espazo Común proceden do PSdeG. "Somos xente que por un ou outro motivo abandonamos as filas do Partido Socialista, pero non abandonamos a nosa identidade socialdemócrata e socialista", sinalou. "Hai un dato importante, o PSOE na Galiza ten 300.000 ou 400.000 votos. Eu mesmo cando me presentei como candidato do PSdeG tiven 350.000, pero os militantes socialistas na Galiza non chegan a 7.000", destacou, para considerar que, por tanto, "hai un espazo dentro do socialismo na Galiza" para un "grupo de xente" que, "aínda sentíndose coa mesma ideoloxía", non está no Partido Socialista.

"E iso non quere dicir que isto sexa un ataque ao partido nin nada", subliñou, ao tempo que incidiu en que, malia que lle consta que no PSdeG "andan moscas", en Espazo Común "non van contra ninguén". "Queremos, por así dicilo, darlle espazo político a aquelas persoas que teñen inquietude política. Paréceme lexítimo que un partido diga que vas ti ou non, pero a unha persona non se lle pode coartar a súa liberdade de participar en función de que unha determinada formación diga que si ou que non", dixo. "A formación ten dereito a dicir o que considere, mais os cidadáns tamén teñen dereito a participar na vida política con absoluta normalidade", insistiu.

Dito iso, Pachi Vázquez puxo en valor que Espazo Común é un "movemento cidadán de acción política" que non pretende "máis nada que transmitir esa acción política nos concellos". Así, indicou que, aínda que son un partido "moi novo", nos últimos catro anos consolidáronse "traballando con humildade, moita constancia e compromiso político". "Iso foi facendo que a xente fose mirando para nós, e o primeiro sorprendido de que nos chamase tanta xente fun eu", afirmou.

Comentarios