O Espazo Común de Pachi Vázquez gaña peso de cara ao 28-M nutríndose de ex edís socialistas

Ricardo Sobrino, ex concelleiro e secretario xeral do PSOE de Laza, é o último en abandonar a formación socialista para engrosar as listas do partido fundado por Vázquez após outros casos sonados como os de Ames e Santa Comba.
O fundador de Espazo Común e candidato á Alcaldía do Carballiño, Pachi Vázquez. (Foto: EC)
photo_camera O fundador de Espazo Común e candidato á Alcaldía do Carballiño, Pachi Vázquez. (Foto: EC)

O próximo 28-M numerosos nomes noutrora vinculados ao PSdeG-PSOE aparecerán nas listas doutra formación política distinta. O ex concelleiro socialista Ricardo Sobrino Blanco vén de confirmar que será o candidato á Alcaldía de Laza (comarca de Verín) por Espazo Común, a formación impulsada polo que fora secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez. Sobrino, que se suma a unha nutrida lista de ex socialistas, é na actualidade edil adscrito ao grupo mixto, logo de abandonar o pasado mes de febreiro a formación socialista e deixar a secretaría xeral do partido na localidade.

"Preséntome coa idea de incrementar a calidade de vida dos meus veciños e veciñas: mellorando os servizos de axuda aos maiores, creando emprego a nivel local para reverter o terríbel proceso de despoboamento que sufrimos e, sobre todo, escoitando ao pobo e pondo á súa disposición todas as ferramentas coas que conta a administración local para resolverlle os problemas", afirmou.

Pola súa parte, Vázquez asegurou sentirse "satisfeito e orgulloso" de contar en Espazo Común cunha persoa como Ricardo Sobrino, que mostrou a súa integridade e compromiso con Laza, que non se deixou "manipular" e ficou "firme" na súa postura. "A mesma que temos no noso partido desde a súa fundación: primeiro, os veciños", enfatizou.

Nun comunicado remitido aos medios, Espazo Común explica que esta é a primeira incursión na comarca do partido creado hai tan só catro anos por Pachi Vázquez e que continúa así a súa dinámica de expansión con listas xa anticipadas por toda a Galiza.

Nos últimos días transcendeu que varios ex militantes socialistas competirían por distintas alcaldías baixo as siglas de Espazo Común. Así, a que era portavoz do PSOE de Ames (comarca de Santiago), Luisa Feijóo, anunciou a finais de marzo que sería candidata nas municipais por esta formación, logo de abandonar o Partido Socialista por discrepancias co equipo de goberno liderado por Blas García.

Ademais, o que fora edil socialista en Santa Comba (Xallas) até que apoiou a moción de censura que deu a Alcaldía aos 'populares' en 2021, resultando expulsado de PSOE, José Antonio Ucha Velo, tamén avanzou a pasada semana que concorrerá ás municipais como candidato de Espazo Común.

A formación impulsada por Pachi Vázquez xa confirmou a súa presenza nas urnas dunha vintena de municipios, entre eles o seu concello 'estrela', O Carballiño, no que o candidato será o propio Vázquez, que xa exercera como rexedor entre 1995 e 2005, como paso previo ao seu salto á política nacional como conselleiro de Medio Ambiente do Goberno de coalición PSdeG-BNG.

Comentarios