A enquisa de GAD 3 para a CRTVG outorga 39-40 ao PP, 25-26 ao BNG, 9-10 ao PSOE e 0-1 a DO

A enquisa de GAD 3 para a CRTVG, que non é a pé de urna, sitúa o PP na maioría absoluta, cun abano de entre 39 e 40 escanos; ao BNG que, cunha espectacular suba, se situaría entre 25 e 26 actas; ao PSOE dálle entre 9-10 e a DO entre 1 e ningún escano. A Sumar, Podemos e Vox non lle dá representación.
Estimación de escanos de GAD3 para a CRTVG.
photo_camera Estimación de escanos de GAD3 para a CRTVG.

Fecharon os colexios electorais ás 20 horas e comezaron a publicarse as enquisas realizadas nos días pasados, como a de GAD 3 para a CRTVG, que sitúa o PP na maioría absoluta, con 39-40 escanos, caendo desde os 42. Ao BNG dálle entre 25 e 26 actas, desde as 19 de 2020; ao PSOE entre 9 e 10, caendo dos 14 de 2020 e ao DO, entre 0-1.

O estudo de GAD 3 atribúe ao PP o 45,9% dos votos; ao BNG o 33% e ao PSOE 12,5%.

O PP perdería 1 acta pola Coruña e 1 pola de Lugo e apunta a posibilidade de perder 1 na de Pontevedra, mentres que retería as 8 de Ourense.

O BNG subiría de 7 a 9 escanos na Coruña; de 3 a 4 en Lugo e Ourense e de 6 a 8 ou 9 en Pontevedra.

O PSOE só se mantería en Lugo e cedería 1 deputado pola Coruña, entre 1 ou 2 por Ourense e até 2 en Pontevedra.

Sondaxe

Pola súa parte, Sondaxe, para La Voz de Galicia, outorga ao PP 39 actas; ao BNG 25 e ao PSOE 11. Non dá representación a ningunha outra forza política.

O PP perdería, segundo esta enquisa, os tres deputados en Pontevedra; A Coruña e Lugo e o BNG gañaría dúas prazas na Coruña e outras dúas por Pontevedra, así como unha por Lugo e outra por Ourense, mentres que o PSOE perderían unha acta pola Coruña, Ourense e Pontevedra.

A enquisa foi realizada partindo de 1.200 entrevistas realizadas dos días 14 ao 17 de febreiro.

Sigma Dos

Tamén outorga a absoluta ao PP a enquisa de Sigma Dos, para El Mundo, que o sitúa no 47,8% dos votos e con entre 38 e 40 escanos. O BNG chegaría ao 30,8% dos apoios e conseguiría entre 24 e 25 escanos e o PSOE quedaría co 14,8% dos votos e entre 10 e 12 actas.

Esta enquisa, segundo informa Sigma Dos, foi realizada a partir de 2.389 enquisas realizadas entre o 5 e o 17 de febreiro, non é un estudo a pé de urna.

Comentarios