xoves 28/10/21

O BNG pedirá todas as competencias sobre os ríos para Galiza ante o baleirado dos encoros

A deputada Noa Presas levará ao Parlamento o asunto diante da subida da factura da electricidade e co obxectivo de que o país decida sobre as súas "necesidades e prioridades enerxéticas". Aliás, exixirá que se investigue a solta de auga masiva en diversas presas da conca Miño-Sil.
Encoro de Belesar, á altura de Portomarín, a finais do mes de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #encoro #belesar #baleirado #presa #competencias
Encoro de Belesar, á altura de Portomarín, a finais do mes de agosto. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A transferencia a Galiza das competencias en materia de xestión de ríos e encoros é o novo obxectivo que o BNG levará ao Parlamento. A intención da portavoz nacionalista de Enerxía, Noa Presas, é instar aos grupos con representación na cámara a exixir ao Estado español que traslade o control de todos os ríos a Galiza para "contribuír a que o país acade o marco de autogoberno necesario para decidir respecto das súas necesidades e prioridades enerxéticas".

Desde o punto de vista da representante do Bloque, é necesario "mudar os problemas de fondo" respecto ao mercado enerxético no país.

"Non ten sentido ningún que os ríos galegos dependan de decisións que se toman a 500 km", incide, recordando que a Galiza está nun contexto de "escándalo das eléctricas" no que, por unha banda, "fechamos unha nova semana de bater récords continuos no prezo da luz" e, por outra, "vemos como o baleirado dos encoros acada cifras históricas".

Neste último punto, Presas fai referencia á situación na que se atopan os encoros de Belesar, As Portas, Salas ou Cenza -todos eles dependentes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo dependente do Goberno español-, que "están en mínimos" por un baleirado do que se tivo noticia tarde.

Así, lamenta que os Executivos do Estado español e da Galiza non actúen "permitindo así a cobiza das eléctricas".

Investigación sobre o acontecido

"Este pim pam pum de Xunta e Estado está sendo estéril", reproba, para a continuación defender a necesidade de que o Parlamento "active de inmediato unha comisión de investigación para depurar responsabilidades de todas as partes" no baleirado dos encoros, ao tempo que impulsa a reclamación das competencias sobre ríos e encoros, moitos deles baixo o paraugas administrativo do Estado, "como é o caso, por exemplo, da bacía do Miño Sil, pero tamén de varios ríos que dependen das demarcacións do Douro ou do Cantábrico".

"Dende o BNG temos claro que hai que darlle a volta a esta situación e, por iso, levaremos ao Parlamento galego a transferencia das competencias para conseguir que, sobre os encoros e os ríos galegos, decidamos os galegos e galegas e, polo tanto, sexan xestionados desde Galiza", resume a nacionalista.  

comentarios