O baleirado dos encoros vulnera a normativa europea e o BNG urxe "sancións e investigación"

O BNG critica á inacción do Goberno galego e reclama sancións para as compañías responsábeis ademais da apertura dunha comisión de investigación.
Ana Miranda ante o Parlamento Europeo.
photo_camera Ana Miranda.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia que o baleirado de encoros realizado por  Naturgy e Iberdrola "vulnera a Directiva Marco da auga da Unión Europa (UE)" e reclama sancións para as compañías responsábeis.

Comisión de investigación

Os incumprimentos aos que se refire, reduciron a cantidade de auga encorada en Cenza e As Portas até "15% da súa capacidade habitual", cando o normal, por estas datas, é que se sitúen arredor de "50% e 75%, respectivamente", apunta nun comunicado.

Ante esta situación, critica á inacción do Goberno galego e reclama sancións para as compañías eléctricas responsábais, ademais da creación dunha comisión de investigación que atenda tanto ás competencias e obrigas de cadaquén como ás consecuencias dos baleirados.

"Non podemos permitir que no país se vulneren sistematicamente as directivas comunitarias medioambientais e o goberno galego siga sen facer nada, botando balóns fóra", subliña Ana Miranda.

Neste sentido, avanzou a necesidade de que as empresas palíen a escaseza de auga encorada e aumenten a cantidade nas presas afectadas.

Espolio

Ana Miranda afirmou que o baleirado de encoros representa un exemplo do "espolio e o roubo que sofre Galiza", onde as grandes empresas hidroeléctricas "fan o que queren para engrosar a súa conta de beneficios sen ningún organismo público que lles faga fronte", mentres "o prezo da luz experimenta subas sen parar".

Así, o Bloque considera "inadmisíbel" a " inacción da Xunta e do Goberno estatal ante a estafa diaria que padece a cidadanía", así como que o Goberno galego "coñecese previamente a intención de Iberdrola de baleirar os encoros".

Doutra banda, O BNG defende a necesidade de cambiar o sistema de fixación do prezo da enerxía eléctrica, pasando a depender do custo de cada tecnoloxía.

Comentarios