28-M

As eleccións municipais en Vigo, a debate en 'Nós Diario'

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás Alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Continuamos con Vigo recollendo as opinións da candidata do Partido Popular, Marta Fernández-Tapias, o cabeza de lista do BNG, Xabier Pérez Igrexas e o alcaldábel de Podemos-Marea de Vigo, Rubén Pérez. Na data de publicación destas entrevistas, ‘Nós Diario’ non obtivo resposta do actual alcalde e candidato á reelección polo PSdeG, Abel Caballero.

Fernández-Tapias, Igrexas e Pérez (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fernández-Tapias, Igrexas e Pérez (Foto: Nós Diario).

A cidadanía de Vigo, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 28-M. Desde o 2007, a cidade máis poboada do país é xestionada por Abel Caballero, cuxa entrevista de cara ao 28-M non foi recibida por este xornal.

O PsdeG é o principal partido de goberno na actualidade con Caballero á fronte, algo que busca revalidar este 28-M. Fronte a el terá a candidata do PP. Marta Fernández-Tapias, o do BNG, Xabier Pérez Igrexas, o da Podemos-Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta con estas persoas alcaldábeis á cidade de Vigo.

Marta Fernández-Tapias: "A confrontación constante vaille ben a Caballero, pero non a Vigo"

Fernández-Tapias é a cabeza de lista e, por tanto, a alcaldábel do PP en Vigo. Na súa entrevista, a candidata popular tratou os 16 anos de Goberno de Caballero e as propostas do PP para a cidade.

“Elaboraremos un Estudo de Tráfico e Mobilidade completo nos 100 primeiros días de goberno, co obxectivo de facer de Vigo unha cidade máis inclusiva, segura e amábel”, asevera Fernández-Tapias.

Xabier P. Igrexas: "O cambio galego precisa dun robusto motor en Vigo"

O candidato nacionalista á Alcaldía viguesa é Xabier P. Igrexas que explicou a Nós Diario as medidas que o BNG propón para a cidade así como as eivas que esta sofre actualmente.

“A tarefa, e o firme compromiso do BNG, é devolverlle o Concello á cidadanía como primeiro paso para devolverlle Vigo ás viguesas e aos vigueses. Poñendo as persoas no centro da política municipal”, sinala Igrexas.

Rubén Pérez: "Estamos instaurados nun réxime de 'ou comigo ou contra min' que paraliza todo"

Pola súa parte, o candidato de Podemos-Marea de Vigo, Rubén Pérez analizou na súa entrevista os 16 anos de Goberno de Caballero e explicou as medidas a implementar de entrar no Goberno da cidade olívica.

“Estamos nunha cidade que efectivamente mellorou, pero como todas as cidades grandes do país e do estado, pero que sigue adoecendo de carencias, sobre todo de colchón social, para evitar os procesos de pobreza urbana, o inaccesíbel da vivenda ou mesmo servizos públicos asequíbeis e que garantan dereitos”, manifesta Pérez.

Comentarios