Candidato do BNG

Xabier P. Igrexas: "O cambio galego precisa dun robusto motor en Vigo"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Xabier Pérez Igrexas é o candidato do BNG á Alcaldía de Vigo.

Xabier Pérez Igrexas encabeza a lista do BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xabier Pérez Igrexas encabeza a lista do BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai destes 16 anos de Goberno de Abel Caballero en Vigo? Como mudou a cidade neste tempo?
Hoxe padecemos unha inercia paralizante que está facendo que Vigo vaia quedando atrás. Porque cando apagan as luces coas que nos queren cegar o que vemos, infelizmente, é unha cidade con menos empregos, con menos oportunidades para a mocidade, coa vivenda máis cara, con menos cultura e deporte. Unha cidade reducida a unha especie de parque temático, no que a veciñanza é tratada como figurantes dun atrezo xigante para memes tan virais como ridiculos. Unha cidade na que a golpe de continuos arboricidios avanzou o gris.

Os últimos oito anos estiveron marcados por crecentes tics autoritarios de quen confundiu unha lexítima maioría absoluta coa imposición do “aquí mando yo”, gobernando desde a xordeira, sen dialogar con ninguén e atrevéndose a acosar e perseguir a calquera asociación ou colectivo que ousa non se sumar ao aplauso manso ou que se atreve a denunciar publicamente moitas necesidades desatendidas por un Goberno que neste mandato deixou sen gastar 436 millóns de euros dos orzamentos municipais, convertendo a meirande parte dos anuncios nun xigantesca morea de promesas incumpridas. Unha cidade na que os barrios e parroquias continúan totalmente abandonados e desatendidos por un Goberno que só se ocupa e preocupa do que pode inaugurar.

O 28 de maio as viguesas e os vigueses van ter a oportunidade de trazar un novo rumbo

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
A tarefa, e o firme compromiso do BNG, é devolverlle o Concello á cidadanía como primeiro paso para devolverlle Vigo ás viguesas e aos vigueses. Poñendo as persoas no centro da política municipal. Mobilizando os inmensos recursos e capacidades que ten o Concello para atender as necesidades reais das viguesas e vigueses. Reseteando en positivo a cidade para darlle o novo impulso que necesita. Temos que levar Vigo máis alá, como di o noso lema de precampaña. Máis alá do dinoseto ou as luces led, máis alá das promesas incumpridas, máis alá do ruído da lea permanente. Para avanzarmos xuntos e xuntas cara a unha cidade máis habitábel e moito máis verde. Un Vigo que asuma o seu papel como maior cidade galega, volvendo ser o potente pulmón industrial e produtivo de Galiza e que retorne a ser referente de vangarda na creación cultural. E, sobre todo, que exerza de motor de todo un País. Fronte a un hiperlocalismo superficial, corto de miras e profundamente españolista, a aposta do BNG é facer que Vigo sexa o grande vector de cambio para toda Galiza.

O cambio galego precisa dun robusto motor en Vigo. Por iso fronte a quen insiste en empequenecer a cidade, amurallándoa, enfrontándoa con todos por todo, non se sabe para que, queremos que Vigo lidere, desde a cooperación, a súa realidade metropolitana e se convirta no grande polo da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Pero esa transformación que queremos empurrar desde o BNG, cun proxecto aberto e en positivo, rigoroso e solvente, centrado en dar alternativas fronte a quen xogan ao “canto peor mellor”, precisa da forza das viguesas e vigueses que non se conforman, das que saben e, sobre todo, senten que Vigo merece máis, moito máis. Porque os cambios reais, as mudanzas que de verdade transforman a realidade sempre se empurran desde abaixo, na certeza de que facer cidade é unha tarefa de todas e de todos. E o 28 de maio as viguesas e os vigueses van ter a oportunidade de trazar un novo rumbo, de definir un horizonte de futuro, escollendo entre quen só pode ofrecerlles máis do mesmo ou apostando polo BNG para levarmos Vigo máis alá.

—Se ben nos últimos anos Vigo logrou reducir a súa taxa de paro, fechou 2022 como a segunda cidade galega cos peores datos, unha tendencia que mantén no inicio do presente ano, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo. Cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter estas cifras?
O certo é que a situación sociolaboral na nosa cidade só empeorou. Hoxe en Vigo, segundo datos oficiais da EPA, hai 6.800 empregos industriais menos dos que había antes do inicio da pandemia do coronavirus. Se comparamos o nivel de ocupación na cidade de hoxe co de 2010, hai case 10 mil postos de traballo menos. Vemos como actividades estratéxicas para Vigo, para a nosa comarca e para o conxunto de Galiza, como son o sector naval ou a automoción están atravesando graves dificultades. E como a ofensiva depredadora do boom eólico ameaza un sector chave como a pesca que representa 32 mil empregos na área de Vigo. Durante estes anos foron centos, moitos centos, de mozos e mozas as que foron expulsadas á emigración forzosa por falla de oportunidades laborais. O futuro de Vigo non pasa nin polo monocultivo de luces led nin polo monocultivo do Xacobeo. Temos que blindar o futuro da nosa industria pero tamén apostar na diversificación produtiva, desenvolvendo as enormes potencialidades que temos como cidade universitaria para nos converter na capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións: na capital galega do futuro.

Diante da deliberada inacción da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE e de Unidas Podemos, que se negaron a poñer en marcha un imprescindíbel Plan de reactivación produtiva e industrial da comarca de Vigo, cremos que é urxente un cambio de fondo nas políticas municipais. Non podemos permitirnos o luxo incomprensíbel de destinar case 2 millóns de euros en propaganda do concerto de Guns’n’Roses mentres se recorta un Plan Municipal de Emprego ou se deixan sen executar as partidas destinadas a programas de inserción laboral da mocidade e das mulleres. A nosa aposta é clara: multiplicar por catro os recursos municipais para promover a creación de emprego digno na nosa cidade mobilizando, como mínimo, 20 millóns de euros nos vindeiros catro anos para atender a principal necesidade da cidadanía.

O único obxectivo que parece perseguir o PXOM é facilitar máis crecemento urbanístico no casco urbano

—O PXOM segue aínda pendente da aprobación definitiva, no medio dun cruzamento de acusacións entre o Goberno local e a Xunta da Galiza. Por que cre que non puido saír adiante aínda e como valora o impacto que terá na cidade unha vez aprobado?
O actual Goberno municipal está intentando impoñer un novo PXOM elaborado na escuridade dos despachos, sen diálogo nin transparencia. Un Plan Xeral que insiste nun modelo especulativo fracasado e que reduce o urbanismo a definir o alcance do negocio da construción de nova vivenda. Este Plan pretende tronzar as parroquias do rural con dous viais innecesarios que supoñen unha grave ameaza para o pulmón verde da nosa cidade. Non quere resolver o gravísimo problema do acceso social á vivenda, nunha cidade na que tendo 18.500 pisos baleiros son cada vez máis as mozas e os mozos, pero tamén as familias traballadoras, que literalmente non se poden permitir o luxo de vivir na súa propia cidade porque os alugueiros aumentaron por volta dun 50% nos últimos cinco anos, os prezos de compra son imposíbeis e hoxe hai máis pisos turísticos que vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial.

O PXOM aprobado inicialmente, por vez primeira na historia da cidade, só cos votos dun partido político [o PSOE], non quere avanzar nin na sustentabilidade ambiental, nin nun cambio de modelo de mobilidade. O único obxectivo que parece perseguir é facilitar máis crecemento urbanístico no casco urbano, precisamente nas zonas máis golosas para a especulación. A todo isto temos que engadir unha tramitación inzada de irregularidades, como que non se respectara a suspensión automática de licenzas, e diante de millares de alegacións veciñais o Goberno segue negándose a escoitar á cidade. Sen consenso, sen diálogo, sen deseñar un PXOM de toda a cidade e para toda a cidade, o novo Plan Xeral nunca será unha realidade efectiva. E Abel Caballero sábeo e por iso, con decisións ilegais como a suspensión de prazos do Instrumento de Ordenación Provisional, intenta desesperadamente que as viguesas e vigueses vaian ás urnas sen saber o que pretende facer co urbanismo da cidade se continúa á fronte do Goberno.

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
As cercanías son unha necesidade urxente para Vigo e a súa realidade metropolitana. Unha verdadeira prioridade para mellorar a deficiente conexión ferroviaria da maior cidade galega. O tren de proximidade ten que ser o elemento que vertebre a mobilidade metropolitana, conectando Vigo polo norte até o eixo Pontevedra- Vilagarcía e polo sur até Tui, como levamos moitísimos anos a reclamar desde o BNG. Unha mobilidade de futuro, eficiente e sustentábel pasa, si ou si, polo tren. Pero incomprensíbelmente o Goberno español de PSOE e Unidas Podemos, como antes fixeran os executivos do Partido Popular, négase a dotar Vigo, que representa unha rexión urbana de máis de medio millón de persoas e o principal polo de desenvolvemento económico de Galiza, dunhas cercanías que si teñen territorios con menos poboación e peso.

Un exemplo máis da discriminación ferroviaria que padece Vigo e o conxunto de Galiza, e que fai que padezamos unha insuficiente e moi precaria e impuntual conexión de Media Distancia, ou que o AVE que según Caballero, nos seus tempos de ministro, ía chegar en 1993 trinta anos despois inda non teña chegado. E que vai postergar até, como mínimo, o ano 2040 a posta en marcha da estratéxica e irrenunciábel conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto, a chamada Saída Sur, para a que o actual goberno central asignou, de maneira insultante, apenas 30 mil euros nos orzamentos xerais do Estado deste 2023. O peor é que cando o BNG levamos este tipo de reivindicacións ao Pleno do Concello, o PSOE votou sempre en contra deixando en evidencia que fan prevalecer a súa obediencia a Ferraz e a Moncloa sobre os intereses da cidade. O mesmo xogo cínico e perverso que practica o PP xustificando o abandono que padecemos pola Xunta.

Vigo non pode seguir cun modelo de autobús que se rexe por unha concesión privada de 1994

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
Temos que revolucionar a mobilidade para avanzarmos cara a unha cidade máis habitábel. Apostando decididamente por dar alternativas ao uso do vehículo privado, que hoxe máis que unha necesidade é unha obriga para moitas viguesas e vigueses. En Vigo prodúcense cada día 300 mil desprazamentos en coche ou moto e temos o maior número de vehículos per capita do Estado, con 1,5 coches por cada 2 habitantes. Unha realidade que se traduce en ruído, en contaminación e nunha cidade deseñada ao servizo dos coches. Superalo pasa por potenciar o transporte colectivo cun novo modelo de autobús urbano, cun mapa de liñas que permita conectar de verdade o conxunto do territorio da cidade, con moitas máis frecuencias todos os días da semana, e tamén con mellores servizos nocturnos, con prezos máis económicos. E implantando unha grande liña central, a que nos chamamos liña CERO, con algunha modalidade de transporte articulado, como o tranvía, o trolebús ou o metro lixeiro, que unindo Navia até Teis sexa a espiña dorsal dunha nova mobilidade.

Vigo non pode seguir cun modelo de autobús que se rexe por unha concesión privada de 1994, que se demostrou un pésimo negocio para a cidade, e que hoxe fai que haxa menos frecuencias e peores horarios dos que había antes da pandemia. Temos que despregar de verdade a intermodalidade, conectando mellor o bus urbano coas dúas estacións de tren, coa terminal de buses, co transporte marítimo de ría e mesmo co aeroporto. Só así poderemos volver avanzar no proceso de democratización do espazo público que o BNG iniciamos coas peonalizacións do Calvario, da praza da Independencia ou do Casco Vello. Non se trata de que circulen menos vehículos de combustión para os substituír por máis vehículos eléctricos, impoñendo unhas Zonas de Baixas Emisións que son unha mala copia de Madrid Central, como pretende o actual Goberno municipal. O obxectivo ten que ser reducir, ao mínimo necesario, o tráfico con coches particulares en toda a cidade e non nunhas poucas zonas. O que precisan as viguesas e vigueses son alternativas de mobilidade, non que as multen por non poder permitirse cambiar de coche. A proposta do BNG é clara: máis transporte colectivo, potenciar a mobilidade peonil, e tamén o uso de bicicletas e VMP [vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes eléctricos].

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Estamos padecendo un durísimo agravamento da crise social, en forma de aumento do empobrecemento e da pobreza. Na mesma cidade na que o Goberno municipal dilapida millóns de euros en propaganda, continúa habendo 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza e son centos as familias traballadoras que teñen que esperar nas filas da fame, acudindo a diario a comedores sociais e organizacións asistenciais. Non poderemos ter unha cidade realmente humanizada mentres siga habendo varios centos de persoas condenadas a mal vivir e mal morrer nas rúas.

Por iso, diante deste contexto que golpea especialmente ás clases populares e traballadoras, o BNG defendemos que o Concello de Vigo ten que converterse nun verdadeiro parapeto social contra a crise, que protexa de verdade as persoas máis vulnerábeis e que evite que ninguén quede atrás. Non é un problema de competencias, é un problema de sensibilidade e de vontade política. É indecente dedicar case 2 millóns de euros a subvencionar aeroliñas privadas en Peinador, mentres se recortaron nun 22% as axudas sociais municipais para este 2023. É intolerábel que haxa moitas familias ás que se lles nega o apoio que necesitan, para logo deixar sen executar case medio millón de euros das axudas sociais de emerxencia, como sucedeu o pasado ano. Na cidade na que se está construíndo un ascenso de Star Trek [en alusión ao ascensor HALO que vai unir García Barbón con Vialia] as familias empobrecidas teñen que agardar máis de mes e medio en poder ser atendidas por unha traballadora social.

Fechou o Súbete ó Castro, desapareceu o Punto Xove, a Casa da Xuventude ficou reducida a unha especie de conserxería e o Vigosónico inda non retornou a actividade

—Diferentes colectivos sociais e na defensa da cultura como ‘Grupos en Loita’ veñen demandando máis espazos e actividades destinadas á xente nova. Que propón neste sentido?
A mocidade leva doce anos sendo duramente castigada polo Goberno municipal de Abel Caballero. Pasamos de ser unha cidade pioneira e referente en políticas para a mocidade, grazas en grande medida ao impulso do BNG, con iniciativas tan potentes como as Noites Vivas ou programas como os Castroconcertos ou a Liga Xuvenil de Improvisación, a ver como a práctica totalidade das políticas xuvenís do Concello desapareceron. Fechou o Súbete ó Castro, desapareceu o Punto Xove, a Casa da Xuventude ficou reducida a unha especie de conserxería e o Vigosónico inda non retornou a actividade. O retroceso é brutal e colócanos a altura de finais dos anos 90. É urxente reverter esta política de desertización que lle vira as costas á mocidade.

Pero non só no ámbito do lecer ou da cultura, inda sendo moi importantes. As mozas e mozos de Vigo precisan de moito máis que duns poucos grandes concertos no verán co alcalde de teloneiro permanente. Merecen unhas políticas municipais que creen tamén as condicións para que poidan exercer o seu dereito a emprender un proxecto de vida propio, facilitándolle o acceso á vivenda, ou promovendo o emprego xuvenil para que deixen de ter que escoller entre precariedade, paro ou emigración. Temos que deixar de falar da mocidade como futuro, que o son, e comezar a dar resposta ás súas necesidades desde o presente, desde xa.

—Nos últimos anos Vigo foi protagonista pola súa forte aposta polo Nadal, unha aposta que conta con importantes valedores e detractores dentro da cidade. Como valora vostede a repercusión e o impacto, tanto económico como social, que tivo a tempada de Nadal en Vigo?
É un debate algo falso. O problema non son as luces de Nadal. Sempre as houbo e seguiraas habendo, outra cousa é poder discutir se é razoábel dedicar 14 millóns de euros para as luces dos vindeiros 4 anos como se pretende. O problema en realidade está na imposición caprichosa, e até autoritaria, dun modelo de nadal que convirte o centro da cidade nun parque temático inhabitábel e inseguro. Este nadal vivimos situacións insólitas e moi perigosas. Durante semanas os vehículos de emerxencia, como ambulancias ou bombeiros, tardaban de media 15 minutos máis en atravesar o centro co que iso supón á hora de atender unha situación de emerxencia. Vimos como se colapsaba o tráfico en toda a cidade e até asistimos atónitos a como se aparcaban coches no medio dun túnel. A posición do BNG é clara e rotunda desde o principio: Nadal si, por suposto que si, pero non así. Por iso apostamos por un modelo diferente, descentralizado, racional, sustentábel en termos ambientais e de habitabilidade, e seguro para as persoas. Non pode ser que a obsesión, case patolóxica, dun alcalde por inventar cifras imposíbeis de visitantes converta o corazón da cidade nun inferno, masificado de xente e de ruído, durante máis de dous meses. Ou que se vandalicen uns xardíns históricos, como os da Alameda, para que unha empresa madrileña faga o seu agosto instalando postos a cambio de un euro de taxas. Sobre o retorno, sucede o mesmo que co números de visitantes, estamos diante dunha fabulación, pura propaganda. Ninguén cre que o pasado nadal viñesen a Vigo 5,4 millóns de persoas nin que deixasen un retorno de mil millóns de euros que é máis da metade do que representa o PIB industrial na área de Vigo. O único retorno obxectivo é o do autobombo e propaganda do actual alcalde.

Seguiremos a esixir un Plan de Dinamización do aeroporto de Peinador, que mellore os seus accesos e a súa infraestrutura

—A chegada do AVE, a conexión ferroviaria con Portugal, o futuro do porto e o aeroporto... Cales son, ao seu xuízo, as prioridades da cidade en materia de infraestruturas?
Para alén da urxente mellora da conexión ferroviaria da cidade, que xa comentamos, o BNG cremos que a cidade ten que avanzar na integración da súa realidade portuaria. O porto é un grande tractor económico e produtivo para Vigo, pero fica virado de costas da propia cidade e sometido á unha permanente lea partidista. Por iso cremos que é fundamental poñer en marcha unha Mesa Portuaria, na que participen todas as administracións, todos os axentes portuarios, organizacións sindicais e empresariais e mesmo a Universidade de Vigo, para definir de maneira conxunta e consensuada unha folla de ruta que aposte no desenvolvemento sustentábel do potencial portuario de Vigo. Cunha liña vermella moi clara: nin un centímetro de recheo portuario máis. A cidade xa lle gañamos ao mar máis de tres millóns de metros cadrados, non podemos seguir cementando un ecosistema privilexiado como a Ría de Vigo.

E no que ten a ver co aeroporto de Peinador, é claro que o futuro pasa por comprender que non competimos con Lavacolla ou Alvedro, que o noso competidor é o Sá Carneiro [terminal da cidade portuguesa de Porto]. O BNG apostamos por desenvolver todo o potencial de Peinador como o grande aeroporto do sur de Galiza, articulándoo como parte dun sistema aeroportuario galego que se desenvolva desde a cooperación e a especialización de terminais, con vocación de servizo público e orientado a promover o desenvolvemento do conxunto do noso País. Nese sentido, seguiremos a esixir un Plan de Dinamización do aeroporto de Peinador, que mellore os seus accesos e a súa infraestrutura, a principiar pola súa pista que ten que ser renovada integramente, que permita a apertura 24 horas e que ademais de ampliar a oferta aeroportuaria para viaxeiros desenvolva as enormes potencialidades no transporte de mercadorías, para que o peixe que se descarga en Vigo deixe de voar polo mundo desde Euskadi.

—A reforma do estadio de Balaídos encara a súa recta final; porén, acumula varios anos de atraso a respecto dos prazos iniciais, incrementos orzamentarios e numerosas críticas desde o Real Club Celta, así como unha recente disputa a conta da apertura da nova bancada ‘Marcador Centenario’. Que valoración fai da xestión do Concello polo visto até o momento actual?
Prometeron o Guggenheim do fútbol e temos unha versión cutre da Sagrada Familia... Brincadeiras a parte, o novo Balaídos tiña que estar completamente rematado en 2017 e a día de hoxe inda ten Marcador sen abrir e non hai nin proxecto, nin orzamento, nin prazos para a reforma da última bancada, Gol. Pasamos dunha estimación inicial de 25 millóns a un gasto que vai superar os 50 e pode acabar aproximándose aos 60. A reforma do estadio municipal de Balaídos era necesaria, para dotar a cidade dun estadio seguro, moderno e funcional, pero unha xestión nefasta e improvisada está resultado nun verdadeiro desastre. Este non é o estadio que precisaba a cidade nin o que merece a afección. Resolvelo só esixe pasar da batalla de egos que envolveu este proxecto desde o inicio, nunha confrontación incomprensíbel entre o actual alcalde e o presidente do Celta, a apostar na cooperación. Ese é o camiño.

Comentarios