Candidato de Podemos-Marea

Rubén Pérez: "Estamos instaurados nun réxime de 'ou comigo ou contra min' que paraliza todo"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Rubén Pérez é o candidato de Podemos-Marea de Vigo á Alcaldía da cidade olívica.

Rubén Pérez encabeza a lista de Podemos-Marea de Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Pérez encabeza a lista de Podemos-Marea de Vigo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai destes 16 anos de Goberno de Abel Caballero en Vigo? Como mudou a cidade neste tempo?
O lugar común de Abel Caballero, e un dos destinos de inxentes cantidades de recursos económicos a medios, é reiterar cansinamente que Vigo está equiparada coas grandes cidades do estado e capitais europeas. Calquera persoa que coñeza como se xestionan servizos públicos, mobilidade, mesmo dereito cidadá a unha vivenda asequíbel e digna terá suficiente información para responder a esta pregunta sen a demagoxia regada con autobombo do alcalde de Vigo. Estamos nunha cidade que efectivamente mellorou, pero como todas as cidades grandes do país e do estado, pero que sigue adoecendo de carencias, sobre todo de colchón social, para evitar os procesos de pobreza urbana, o inaccesíbel da vivenda ou mesmo servizos públicos asequíbeis e que garantan dereitos. Analogamente perdemos democracia formal, non hai opción a expresar democraticamente no pleno a discrepancia ou a fiscalización que é función esencial da oposición, estamos instaurados e instauradas nun réxime de "ou comigo ou contra min que paraliza todo".

Queriamos abrir o melón das remunicipalizacións; non foi posíbel, parece que nesta cidade queda supeditado a un debate ridículo sobre "fermosísimo nas actuacións en vías públicas e o nadal"

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Dixemos nesta lexislatura que abrir o melón da remunicipalización de servizos públicos, nomeadamente transporte urbano e auga, e converter ao concello en elemento activo na creación de parques públicos de vivenda en alugueiro taxado eran os dous grandes retos que a cidade tiña que asumir. Non foi posíbel porque ese debate, absolutamente central en case toda Europa xunto co da mobilidade sostíbel, parece que nesta cidade queda supeditado a un debate ridículo sobre "fermosísimo nas actuacións en vías públicas e o nadal". Para nós estas cuestións así como a democratización e descentralización administrativa é o eixo fundamental dun municipalismo que se diga de si mesmo como progresista.

—Se ben nos últimos anos Vigo logrou reducir a súa taxa de paro, fechou 2022 como a segunda cidade galega cos peores datos, unha tendencia que mantén no inicio do presente ano, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo. Cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter estas cifras?
Os datos do desemprego no contexto dunha cidade onde chegamos no 2012 ao 25% son absolutamente positivos na súa secuencia anual. Abril deste ano amosa o mellor dato de emprego dende que hai seguimento en cifras e é sen dúbida a plasmación de que a reforma laboral funciona e crea emprego en vez de destruílo como as anteriores. O problema é cando administracións como o Concello, que captan máis recursos públicos que nunca non os deitan en políticas activas de emprego, por exemplo estamos ante un plan municipal de emprego que emprega a menos persoas que nunca e nun contexto no que contando recursos propios e fondos europeos o alcance podía ser o tripla de persoas empregadas a través de mecanismos municipais.

Aínda que redimensiona mellor o crecemento da cidade que o PXOM do 2008, sigue tendo eivas imperdoábeis

—O PXOM segue aínda pendente da aprobación definitiva, no medio dun cruzamento de acusacións entre o Goberno local e a Xunta da Galiza. Por que cre que non puido saír adiante aínda e como valora o impacto que terá na cidade unha vez aprobado?
Dende logo que ao goberno de Abel Caballero o prazo de 3,5 anos que exixía a aprobación e que colocaba o horizonte de aprobación do PXOM antes deste proceso electoral, polo que os inexplicábeis retrasos dos informes sectoriais da xunta como o da axencia galega de infraestruturas, viñéronlle moi ben para soster como responsabilidade autonómica a non aprobación do planeamento. Aínda que redimensiona mellor o crecemento da cidade que o PXOM do 2008, sigue tendo eivas imperdoábeis como a mobilidade planeada mediante viais que meten na cidade vehículos privados sen alternativas de mobilidade sostíbel. O noso voto seguirá sendo negativo se non hai unha resposta axeitada as máis de 4000 alegacións veciñais.

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
Vigo é xeograficamente a área metropolitana máis poboada do Estado que non ten configurado legalmente o instrumento xurídico e que permitiría, entre outras cousas, o artellamento dun tren de proximidade, unha empresa pública de vivenda como opera xa en Barcelona ou mesmo un sistema propio de xestión de residuos".  Podemos-Marea de Vigo temos incorporado ao noso programa unha proposta política e xurídica que permita desbloquear un modelo de xestión metropolitano de servizos públicos. Consideramos que actualmente é un instrumento urxente xa que temos enriba a posibilidade de captación de fondos europeos e de mancomunar servizos públicos que agora están externalizados en empresas privadas e de xeito individual por cada concello.

Debemos crear a primeira empresa pública de transporte da historia da cidade

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
O máis urxente é non seguir postergando a reforma integral do transporte público evitando máis prórrogas na concesión de Vitrasa, realizando os trámites previos en forma de informes e creando a primeira empresa pública de transporte da historia da cidade que entre outras cousas acometa a reconversión de liñas a circulares con intercambiadores. A partir deste fito poderemos acometer unha profunda revolución da mobilidade na cidade, pero todo pasa por retirar vehículo privado do centro e periferia urbana ou o resto: carrís bici, etc... será complexo e custoso.

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Podemos e Marea de Vigo consideramos que a suma dos recursos en políticas sociais que consignan os orzamentos anuais do Concello teñen que estar por enriba do 100 euros per cápita, unha das recomendacións do informe que anualmente fai a Asociación de Directoras e Xerentes de Servicios Sociais de España e se toma como referencia para avaliar o gasto das cidades en dar coberturas sociais aos seus veciños e veciñas. Do mesmo xeito remunicipalizar o SAF e elevar o número de traballadoras sociais debería estar permanentemente na axenda dun goberno local que se diga de si mesmo progresista.

Existe un deseño dunha cidade ligada ao ocio relacionado co consumo de alcohol con barra libre a terrazas e hostalería

—Diferentes colectivos sociais e na defensa da cultura como ‘Grupos en Loita’ veñen demandando máis espazos e actividades destinadas á xente nova. Que propón neste sentido?
O noso grupo municipal sempre denunciamos que mentres nas últimas lexislaturas foron desmantelados os programas de ocio alternativo como a práctica totalidade das actividades da Casa da Xuventude, o exitoso Súbete ao Castro, as noites vivas, tardaron máis dun ano en reactivar o Vigo Sónico con escusas peregrinas para logo pechalo mentres duraba a licitación do contrato. Actualmente os programas culturais para poboación adulta ou maior comportan máis do 80% do gasto orzamentario neste capítulo, e paulatinamente alonxan aos centros culturais das AAVV dos novos espazos e xeitos de interactuar culturalmente á mocidade. Por desgraza existe un deseño dunha cidade ligada ao ocio relacionado co consumo de alcohol con barra libre a terrazas e hostalería, e mentras todo isto acontece analogamente nos botamos as mans á cabeza se unha xeración de mozos e mozas socializa exclusivamente no fenómeno dos macrobotellón, cuxa realidade ten unha dimensión máis sociolóxica incluso que de propio ocio nocturno”.

—Nos últimos anos Vigo foi protagonista pola súa forte aposta polo Nadal, unha aposta que conta con importantes valedores e detractores dentro da cidade. Como valora vostede a repercusión e o impacto, tanto económico como social, que tivo a tempada de Nadal en Vigo?
En 2019 só a partida de decoración e animación no Nadal, que estaba orzamentada en 465.000 pasou finalmente a 839.673, “nunha delirante falla de control público do que realmente precisaba nas rúas o comercio local para ter máis ventas“. As luces, a partir de esta barra libre de gasto, foron incrementando o seu custe mediante un contrato que consignaba 800.000 euros iniciais e posteriormente incrementado. O problema é que coa escusa do nadal está a deitarse cada vez máis recursos en medios e propaganda para que se fale, non xa do nadal de Vigo, senón no propio Abel Caballero. As luces poden ser case un millón anual, o problema e que cada vez máis este custe está superado por gastos en condicionar comunicativamente o que acontece e que ningún medio cuestione os 5 millóns de visitantes cando de xeito delirante son anunciados polo propio alcalde.

Os grandes debate de infraestructuras necesarias só poden acometerse nesta cidade se as organizacións políticas manteñen discurso cando gobernan e cando son oposición

—A chegada do AVE, a conexión ferroviaria con Portugal, o futuro do porto e o aeroporto... Cales son, ao seu xuízo, as prioridades da cidade en materia de infraestruturas?
Fronte a oportunismos de administracións que teñen que entenderse para dar solucións ás necesidades de infraestruturas da cidade o que sempre dixemos é que estaban obrigadas todas elas tanto a entenderse como a defender o mesmo cando están gobernadas por un partido dunha cor ou da contraria. Non vale pedir o AVE por Cerdedo como urxente e cando o PSOE colle o ministerio esa urxencia queda diluída nun "están niso". Por iso fomos coherentes con pedir unha conexión ferroviaria con Madrid que non dependa de 1800 millóns de euros para gañar 15 minutos por Cerdedo valorizando a vía do Miño como canle tamén de enlace coa saída sur. Os grandes debate de infraestructuras necesarias, sexan ferroviarias, dunha futura rede de cercanías ou de mobilidade sostíbel, só poden acometerse nesta cidade se as organizacións políticas manteñen discurso cando gobernan e cando son oposición, algo pouco habitual e que explica o atraso endémico en materia de infraestructuras que vive a cidade.

—A reforma do estadio de Balaídos encara a súa recta final; porén, acumula varios anos de atraso a respecto dos prazos iniciais, incrementos orzamentarios e numerosas críticas desde o Real Club Celta, así como unha recente disputa a conta da apertura da nova bancada ‘Marcador Centenario’. Que valoración fai da xestión do Concello polo visto até o momento actual?
Nós dixemos no Concello o mesmo que lle dixemos ao Celta sempre: o estadio é municipal, non pode venderse para engordar o patrimonio dunha entidade privada como é o RC Celta, ten que ser rehabilitado na súa integridade polo Concello e, acto seguido e mediante convenio polo que o Celta pague anualmente unha cantidade non menor dos 800.000 euros anuais, ser recuperada o investimento por parte da administración local. Esta fórmula, coa concesión administrativa do estadio e das futuras prazas de aparcamento, foi aceptada polo concello, Xunta e o propio Mouriño. Meses despois, e co ruído da cidade deportiva de Mos, esta fórmula, que permitía ao concello ingresar anualmente recursos para amortizar o investimento, foi dinamitada. Uns e outros terán que explicar á cidade os motivos.

Comentarios