Candidata do PP

Marta Fernández-Tapias: "A confrontación constante vaille ben a Caballero, pero non a Vigo"

Na recta final da carreira electoral, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ás alcaldías das cidades galegas para coñecer os seus programas e propostas de cara ao 28-M. Marta Fernández-Tapias é a candidata do PP á Alcaldía de Vigo.

Marta Fernández-Tapias encabezou a lista do PP en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Fernández-Tapias encabeza a lista do PP en Vigo. (Foto: Nós Diario)

—Que balance fai destes 16 anos de Goberno de Abel Caballero en Vigo? Como mudou a cidade neste tempo?
Estamos ante unha etapa moi longa na Alcaldía na que a puxanza da cidade viuse moi minguada polas eivas en todos os planos, desde o económico ata o social e cultural. Comenzando polo urbanismo, co PXOM aínda sen aprobar, ou os problemas permanentes de tráfico. Máis do mesmo en canto aos servizos sociais municipais, onde existe unha grave situación por falta de persoal. A todo isto temos que engadir o abandono por parte do Goberno de Pedro Sánchez, cunha débeda á cidade que xa alcanza os 4.100 millóns de euros. En definitiva, a estratexia de confrontación constante foille moi ben a Abel Caballero, pero fíxolle moito dano a Vigo.

Impulsaremos de maneira inmediata medidas económicas para que a cidade recupere o seu peso estratéxico en industria

—No caso de acceder á Alcaldía após as eleccións, cales serían as actuacións prioritarias do seu goberno e que retos cre que ten a cidade por diante?
Elaboraremos un Estudo de Tráfico e Mobilidade completo nos 100 primeiros días de goberno, co obxectivo de facer de Vigo unha cidade máis inclusiva, segura e amábel. Ademais, un dos principais retos será aprobar canto antes o PXOM para que a cidade conte cun documento urbanístico que o Goberno local socialista foi incapaz de aprobar en oito ano. E por suposto, impulsaremos de maneira inmediata medidas económicas para que a cidade recupere o seu peso estratéxico en industria.

—Se ben nos últimos anos Vigo logrou reducir a súa taxa de paro, fechou 2022 como a segunda cidade galega cos peores datos, unha tendencia que mantén no inicio do presente ano, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo. Cal debe ser o eixo central das políticas de emprego para lograr reverter estas cifras?
A cidade necesita un programa completo de captación, retención, recuperación e transferencia de talento, polo que impulsaremos o noso plan “Vigo Sementa Talento”. A nosa proposta tamén pasa por crear unha ‘Casa do Emprego’, onde se concentrarían todos os servizos municipais da área de emprego que se ofrecen desde o Concello, así como im-pulsar un programa de captación de talento e elaborar un Plan de Mobilidade Xuvenil destinado a mozos desempregados.

A Xunta ofreceuse a colaborar en todo momento para aprobar o PXOM, moi necesario para a cidade, pero non existe interese do Concello

—O PXOM segue aínda pendente da aprobación definitiva, no medio dun cruzamento de acusacións entre o Goberno local e a Xunta da Galiza. Por que cre que non puido saír adiante aínda e como valora o impacto que terá na cidade unha vez aprobado?
Non saíu adiante pola falta de compromiso do actual Goberno local e a súa falta de dilixencia. A Xunta ofreceuse a colaborar en todo momento para aprobar este plan que é moi necesario para a cidade, pero non existe interese do Concello en resolver o documento antes das municipais porque non queren responder ás miles de alegacións.

—A da Coruña é, canda a de Vigo, a única área metropolitana do Estado español que aínda carece dun servizo de tren de proximidade. Cre que debería implantarse para mellorar a mobilidade na zona?
Todo o que sexa mellorar as conexións ferroviarias da cidade son benvidas e deberán someterse a un estudo para analizar a súa posta en marcha. A día de hoxe a realidade indica que coller un tren de media distancia desde Vigo é toda unha odisea. Logo asistimos aos paseos pola cidade da ministra do ramo, ou dos secretarios de Estado, sen aportar ningunha solución. A maiores temos un problema engadido que se deriva do boicoteo da área metropolitana, o que inflúe directamente na economía doméstica dos vigueses, posto que non poden acceder aos descontos do transporte metropolitano.

A cidade tamén necesita novas sendas municipais para ciclistas e peóns

—Que actuacións debería acometer o Concello en materia de mobilidade?
O máis urxente é redefinir o transporte e redeseñar o mapa do autobús urbano, para o que crearemos un Consello Superior de Tráfico, Seguridade e Mobilidade, integrado polos axentes que levan a cabo a súa actividade en este ámbito. Unha das nosas primeiras medidas será estender a gratuidade do bus urbano a estudantes, universitarios e colectivos vulnerábeis, que actualmente xa reciben bonificación. Tamén reforzar as conexións, os horarios e as frecuencias, ademais de aumentar as axudas do “Bono Taxi”.

A cidade tamén necesita novas sendas municipais para ciclistas e peóns, para o que xa presentamos o noso “Roteiro Verde” con 45 quilómetros. Son necesarias estacións para bicis e patinetes eléctricos,  cun rediseño da rede de carrís para que sexan máis accesíbeis, ademais de outros cinco aparcadoiros soterrados e o incremento das zonas de aparcamento disuasorio.  

—Cal é a súa diagnose a respecto da situación dos servizos sociais na cidade e como cre que se podería mellorar a prestación?
Un suspenso rotundo na xestión dos servizos sociais, con moitos problemas derivados da falta de persoal municipal. É urxente reforzar os servizos sociais e poñer en marcha un programa de vivenda para dar solución as actuais carencias.

Crearemos un Consello Municipal de Xuventude, co obxectivo de implicar á mocidade na toma de decisións

—Diferentes colectivos sociais e na defensa da cultura como ‘Grupos en Loita’ veñen demandando máis espazos e actividades destinadas á xente nova. Que propón neste sentido?
De entrada o que ten que ter a mocidade son oportunidades laborais e o seu futuro asegurado sen ter que abandonar a cidade en busca dun emprego. E a cultura tamén é un importante dinamizador económico.  No caso concreto dos colectivos xuvenís  recuperaremos a Casa da Mocidade como centro de referencia para os mozos na cidade, con aulas de estudo, ensaio, charlas, consulta psicolóxica, talleres de música, arte, deseño, creatividade e charlas. Crearemos un Consello Municipal de Xuventude, co obxectivo de implicar á mocidade na toma de decisións políticas, económicas, sociais, deportivas e culturais. E tamén poremos en marcha “OciVigo”, un programa de actividades deseñadas pola mocidade aproveitando as instalacións municipais dispoñíbeis como alternativa de ocio os fins de semana e festivos

—Nos últimos anos Vigo foi protagonista pola súa forte aposta polo Nadal, unha aposta que conta con importantes valedores e detractores dentro da cidade. Como valora vostede a repercusión e o impacto, tanto económico como social, que tivo a tempada de Nadal en Vigo?
Sempre dixen e o manteño que a promoción da cidade como destino turístico en Nadal é un acerto. O problema é a falta de planificación que existe desde o Goberno local, porque non poder ser que os veciños padezan atascos, ruídos ou lixo polas rúas... É primordial definir ben as zonas onde se quere potenciar e respectar o descanso da veciñanza. E por suposto o turismo de Vigo tamén ten que abarcar moito máis que o Nadal, é necesario fomentar o turismo de congresos, con eventos e conferencias de alcance nacional e internacional que poñan á cidade no mapa durante todo o ano.

Cinco anos despois de que Pedro Sánchez ascendese á Presidencia, resultou que a defensa de Vigo só consistía en ir contra o PP

—A chegada do AVE, a conexión ferroviaria con Portugal, o futuro do porto e o aeroporto... Cales son, ao seu xuízo, as prioridades da cidade en materia de infraestruturas?
Corredor Atlántico de mercancías, Saída Sur, Ave Vigo-Porto, conexión ferroviaria co porto en Bouzas, Ave directo por Cerdedo, trens de Media Distancia, túnel na estrada entre Vigo e O Porriño... As necesidades da cidade en canto a Infraestruturas son innumerábeis e o Goberno central ten todas abandonadas. Mentres, en Praza do Rei hai un goberno municipal que, día si e día tamén, diga que todo está listo, que todo queda atado, que non hai problemas. Se sumamos todos os compromisos do Goberno central coa cidade alcanzan una cifra de 4.100 millóns de euros. E cinco anos despois de que Pedro Sánchez ascendese á Presidencia, resultou que a defensa de Vigo só consistía en ir contra o PP.

—A reforma do estadio de Balaídos encara a súa recta final; porén, acumula varios anos de atraso a respecto dos prazos iniciais, incrementos orzamentarios e numerosas críticas desde o Real Club Celta, así como unha recente disputa a conta da apertura da nova bancada ‘Marcador Centenario’. Que valoración fai da xestión do Concello polo visto até o momento actual?
A xestión da reforma de Balaídos, como tantas outras cousas, é desastrosa. En Vigo faise todo de costas á xente, aos colectivos e ás entidades. Aquí estamos ante outro caso máis, a construción do estadio lévase a cabo sen contar co club que o utiliza. Ocorre o mesmo coas pistas de atletismo pese as reclamacións dos deportistas. E podería mencionar un listado infinito de problemas con colectivos no que queda demostrado que a confrontación con todos foille fenomenal a Abel Caballero e moi mal a Vigo.

Comentarios